Amador Castro, escritor: «A miña nova novela inspírase na historia dun emigrante de Chantada»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Amador Castro cunha camiseta da asociación veciñal María Castaña en Cereixa, escenario da súa novela «Pillabán, pillabán!»
Amador Castro cunha camiseta da asociación veciñal María Castaña en Cereixa, escenario da súa novela «Pillabán, pillabán!» CEDIDA

Residente en Barcelona desde a súa infancia, publicará este ano a obra coa que gañou o último premio Gonzalo Torrente Ballester de narrativa en galego

26 ene 2023 . Actualizado a las 19:39 h.

O pasado novembro, Amador Castro Moure (Chantada, 1962) gañou o premio Torrente Ballester de novela en galego con Pronto de hei de volver, que será publicada este ano. Residente en Barcelona desde que tiña só dezaseis meses e programador informático de profesión, deuse a coñecer como novelista no 2013 con Memorias de antes do encoro e no 2019 gañou o premio Xerais con Shanghai a Barcelona. No 2018 publicou a novela Pillabán, pillabán!, que se inspira na figura de María Castaña e na historia medieval da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón.

—O xurado do premio Torrente Ballester dixo que a súa novela aborda o tema da emigración dunha forma innovadora.

—Eu non diría que o tema central da novela sexa a emigración. Máis ben é unha reflexión sobre as idas e voltas da humanidade. Ten a emigración como fondo, como sucede en maior ou menor medida con todas as miñas novelas, pero a emigración non é o tema principal.

—De que trata esta obra?

—Inspírase na historia real dun emigrante de Chantada que coñezo pola miña familia, pero da que ninguén sabe case nada. A mediados da década de 1950, este home preparábase para emigrar a América desde o porto de Vigo, pero antes de partir foi secuestrado por alguén que o mantivo encerrado nun piso ou nun soto. Durante moito tempo a súa familia recibiu cartas enviadas aparentemente por el desde Venezuela, nas que se dicía que estaba moi ben, pero en realidade estivo encerrado durante un par de anos e morreu algún tempo despois de que o soltasen. Por máis que investiguei non conseguín saber nada máis sobre esta historia e no libro utilizo a imaxinación para substituír a información que non puiden encontrar. A novela discorre a cabalo entre Chantada, Vigo e Venezuela.

—Inspirouse tamén en Chantada para escribir Memorias de antes do encoro?

—Máis que en Chantada, en Taboada, onde naceu meu pai. Esta novela inspírase en parte na historia do encoro de Belesar, pero en realidade non sucede nun lugar concreto. A novela xira en torno a un fuxido que durante a posguerra loitou en terras que máis tarde foron inundadas por un encoro e depois estivo emigrado en Francia e Arxentina.

—E como xurdiu a idea de escribir unha novela sobre a historia de María Castaña e Cereixa?

—Descubrín por casualidade a figura de María Castaña e púxenme a investigala, pero vin que en realidade case non hai documentación histórica sobre ela. Un par de actas que se conservan no arquivo histórico do bispado de Lugo e pouco máis. Fun a Cereixa para intentar saber máis e entrei en contacto con arqueólogo Xurxo Ayán e con outras persoas que traballan nas escavacións do castro de San Lourenzo. Así puiden saber algo máis acerca de María Castaña e decidín escribir este libro para desmitificar un pouco a súa historia. Houbo historiadores que a pintaron como unha heroína, unha rebelde contra o poder feudal, cando non hai documentos que o proben. Para min foi unha heroína, pero doutro xeito, unha heroína da súa casa e da súa familia. Neste libro tamén utilicei a imaxinación, porque documentación histórica case non hai.

—A pesar de levar toda a vida en Barcelona, escribe todos os seus libros en galego.

—Iso é algo que tiven claro desde moi novo, que quería ser escritor e que quería escribir en galego. Meus pais falaron sempre en galego na casa e tamén os seus amigos. Crieime falando galego na casa, catalán na rúa e castelán no colexio, porque entón a educación era só en castelán. Tardei en poñerme a escribir, porque antes necesitei adquirir un dominio suficiente do galego para facelo neste idioma. Recibín formación académica en catalán, pero non en galego, e tiven que esforzarme moito para dominalo de maneira que puidese escribir obras de literatura. En 1984 colaborei nunha antoloxía de poesía galega actual que editou Xosé Lois García. Nese libro apareceron tamén textos de Manuel Rivas, Antón Reixa e outros que seguiron dedicándose á literatura. Eu tardei máis en retomala porque tiña que desenvolver unha carreira profesional para manter a miña familia e durante anos non tiven tempo suficiente para escribir.

—Tamén tivo relación co mundo da música.

—Xa con 13 anos formei parte dun grupo de folk rock e despois fundei unha banda punk que se chamou 100.000 Profilácticos. Máis tarde fun guitarrista do grupo Alicia Golpea, no que o cantante era Carlos Zanón, que tamén é escritor e que segue sendo amigo meu. Acabei por deixar a música polo mesmo motivo, porque tiña que traballar noutras cousas.

Membros do xurado do premio Xerais

O chantadino Amador Castro gaña o Xerais de Novela cunha obra sobre a emigración a Barcelona

Begoña R. Sotelino

Amador Castro é o gañador do Xerais de Novela 2019. O xurado da XXXVI edición do certame dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 44 obras, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Tras de min a terra queimada», «peixe globo» e «Karolina». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Tras de min a terra queimada», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Amador Castro e corresponde ao título Shanghai a Barcelona

O xurado estima que Shanghai a Barcelona presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus. Valoramos especialmente o contraste de espazos urbanos -nomeadamente a cidade de Barcelona- e outros situados no rural galego, sen esquecer o retrato singular da migración galega a Barcelona. É unha novela situada nun non-lugar literario, de difícil clasificación e, polo mesmo, de elevada orixinalidade», sinalaron os membros do tribunal formado por Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario.

Seguir leyendo