Unha guía para os visitantes de Marsella e Cayenne que agarda o IES Val do Asma

C.C. CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

CEDIDA

Profesoras do instituto fanlles aos estudantes de intercambio unha guía para móbil co mellor de Chantada

21 sep 2022 . Actualizado a las 11:38 h.

O instituto Val do Asma de Chantada ultima os preparativos para acoller dentro dunhas semanas a dous grupos de estudantes de intercambio dun programa Erasmus +. Os dous veñen de territorio francés, pero de dous puntos xeograficamente moi distantes entre si, tanto que están en continentes distintos: son a cidade mediterránea de Marsella e a sudamericana de Cayenne, esta última situada na Güiana Francesa. Os anfitrións teñenlles preparado aos seus convidados un amplo programa de actividades para que coñezan Chantada e tamén algo do resto de Galicia. Para facilitarlles a estancia, incluso lles confeccionaron unha ruta interactiva polos puntos de maior interese de Chantada cunha aplicación para teléfonos móbiles.

As expedicións de Marsella e Cayenne permancerán en Chantada os días 17 e 18 de outubro. Neses dous días, terán ocasión de visitar o instituto Val do Asma, onde coñecerán en persoa aos estudantes chantadinos cos que colaboran vía telemática nun traballo conxunto que ten financiamento do programa Erasmus. Tamén visitarán dúas empresas locais e farán un treito do Camiño de Inverno. Fóra de Chantada, farán unha excursión a Santiago. Tanto os estudantes de Marsella como os de Cayenne chegarán a Chantada vía Madrid, onde van pasar outros tres días.

Os que veñen de Marsella son sete alumnos e dous profesores do instituto Le Chatelier. En canto aos da Güiana francesa, están matriculados no instituto profesional Lama-Prévot de Cayenne, a capital dese país, que é un dos denominados territorios franceses de ultramar.

Para facilitarlles as cousas no seu tempo de estadía en Chantada, o instituto Val do Asma ten preparado para estes visitantes una ruta confeccionada coa aplicación Actionbound, que permite deseñar itinerarios interactivos. «É un percorrido turístico pensado para que o alumnado e profesorado franceses coñezan a vila de Chantada e tradicións como a muiñeira ou o Folión de Carros», conta Pilar García, unha das profesoras deste instituto chantadino que forma parte do equipo Erasmus + do centro. Ela e Tatiana Giménez, outra das integrantes dese equipo, fixeron hai uns días o percorrido coa aplicación para comprobar que todo estaba ben.