Rebordaos e Pesqueiras

José Antonio Lorenzana TRIBUNA

CHANTADA

06 ago 2022 . Actualizado a las 17:10 h.

A semana pasada, dende a cociña da miña casa, no lugar do Outeiro de Pesqueiras (Chantada), comezou literalmente a cheirarme a chamusco. Saín á fiestra e ao asomarme observei que a ladeira de Rebordaos (O Saviñao) ardía de novo. Estaba decidido a chamar ao 085 cando vin sobrevoar ao helicóptero do servizo de extinción de incendios; así a miña función reduciuse a observar durante toda a tarde ditas tarefas de extinción —praceres de xubilado—.

Ao día seguinte arranquei a andar polo camiño que une o lugar do Outeiro co de Vidal, rodeado por completo de broza e maleza. De súpeto pensei que se chegan a prender lume neste lado do río Miño, dende os Facheiros pasando polos Bacelos, á igrexa románica de Pesqueiras ata o Outeiro, estariamos perdidos.

É un feito que na nosa freguesía contamos cunha xoia da arquitectura románica da que presumen as institucións, que está presente en moitos folletos promocionais da Ribeira Sacra e na que, incluso, se organizan a cotío visitas guiadas. Vendo o lume tan preto estes días, reflexionei sobre o futuro deste templo e xa lles digo que calquera día nos levaremos as mans á cabeza; non só porque poda arder, senón polas pólas dos castiñeiros que ameazan a súa cuberta e a auga que calquera día se filtrará ata chegar ás pinturas murais renacentistas.