Chantada estreará na Feira do Viño unha nova agrupación musical

La Voz

CHANTADA

Foto de conxunto dos integrantes deste novo grupo
Foto de conxunto dos integrantes deste novo grupo CEDIDA

É un grupo de música tradicional e os seus integrantes farán unha homenaxe ao Folión de Carros na súa primeira actuación

21 may 2022 . Actualizado a las 18:44 h.

Un grupo de música tradicional formado por máis de trinta persoas ensaia estes días en Chantada para se presentar en público durante a feira do vino deste ano, que excepcionalmente se celebrará na primeira fin de semana de xuño. Nacen coa denominación de Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada e os seus integrantes están vinculadas ou estivérono no pasado a esta escola municipal de música.

O director deste grupo é Óscar Rodríguez, profesor de gaita na Casa da Música, que explica así como é este novo grupo: «É unha agrupación de música tradicional na que hai gaitas, tambor, bombo e pandeiretas». É un formato similar ao das bandas de gaitas, pero eles prefiren fuxir desa denominación e das reminiscencias marciais que a veces supón. De feito, para a súa estrena na edición deste ano da Feira do viño de Chantada non van levar ningunha versión do típico traxe tradicional galego, senón que irán con roupa de carroceiros. É a súa homenaxe ao Folión de Carros, que este ano ten que volver despois da súa ausencia forzosa no 2020 e no 2021.

A Agrupación Tradicional da Casa da Música de Chantada fará esta primeira actuación o sábado da feira do viño, ás doce do mediodía e na carpa das adegas.

A maior parte dos integrantes desta nova agrupación musical chantadina son alumnos da casa da Música. Os demais xa non o son, pero fórono nalgún momento. O grupo está formado por músicos de idades moi diversas, desde os 7 anos dos máis novos, ata os 60 dos máis veteranos. Para unha quincena deles esta será a súa primeira actuación en público, Todos levan aproximadamente un mes e medio ensaiando. Chegará con iso? O director da agrupación está convencido de que si. «Tocar en público por primeira vez supón unha presión grande —admite Óscar Rodríguez—, pero penso que pode quedar unha actuación bonita».