Un día de música e divulgación en Chantada para axudar aos refuxiados

Carlos Cortés
Carlos Cortés CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Integrantes do grupo dos Searas, un dos que actuará este sábado pola tarde na praza do Cantón de Chantada
Integrantes do grupo dos Searas, un dos que actuará este sábado pola tarde na praza do Cantón de Chantada CARLOS CORTÉS

Un novo colectivo local organiza una xornada en solidariedade cos pobos afectados pola guerras

30 abr 2022 . Actualizado a las 12:49 h.

Un colectivo local de nova creación organiza este sábado en Chantada unha xornada sobre os refuxiados, os que está provocando a guerra en Ucraína, pero tamén todos os demais. O programa de actividades inclúe dous tipos de convocatorias, uhnhas divulgativas e outras musicais. As primeiras serán pola mañá no auditorio da praza de Galicia e as segundas pola tarde na praza do Cantón. O colectivo organizador chámase En son de paz, e conta para esta xornada coa colaboración do Concello de Chantada e de diferentes empresas locais. Intervirán sete conferenciantes e actuarán sete grupos musicais. 

"Somos un grupo de persoas da vila de Chantada, vinculadas a distintas actividades e proxectos culturais e musicais que entenden que a música pode e debe ser elemento vertebrador, non só da solidariedade, máis tamén da unión comunitaria, tan desgastada nos últimos tempos". Así se presentan na súa conta de Facebook os promotores deste novo colectivo local, En son de paz. Queren servir de instrumento para conseguir que os veciños de Chantada "retomen a vida comunitaria na rúa e nos espazos públicos, a través da música e da cultura".

A súa presentación en sociedade é esta xornada, centrada no problema dos refuxiados e nacida da preocupación pola invasión rusa de Ucraína e a guerra actualmente en marcha, pero sen esquecer tamén outros conflictos como o do Sáhara, Palestina ou Siria. "Queremos mudar a hipocrisía por solidariedade -apuntan os responsables de En son de paz-, e aproveitar a sensibilización que, desta volta si- os medios de comunicación propiciaron, para lembrar que máis preto e máis lonxe de nós hai guerras e bombardeos diarios".

Este é o programa de actividades organizado para este sábado en Chantada por En son de paz

Pola mañá. Charlas no auditorio municipal de Chantada

  • -Asilo e refuxio, con Javier Fernández Vázquez, xurista experto en extranxeiría e migracións.
  • -Acollemento de refuxiados, con Ahmad matar, integrante dunha rede internacional de protección a refuxiados.
  • -Acollemento en zonas rurais, con Leticia Santaballa Santos, integrante da oenegué Welcoming Space.
  • -Migracións ambientais, con Francisco Melón Carraro, xurista especializado.
  • -África e iemen como refuxios, con Moncho Iglesias Míguez, profesor e cooperante.
  • -Os refuxiados saharauis, con Abderraman Abdelmonem, refuxiado saharaui galego
  • -Os refuxiados ucraínos, con representantes da asociación galega de axuda a Ucraína (AGA Ucraína)

Pola tarde. Concertos na praza do Cantón

  • -Coro ucraíno (Ucraína). 17:00 horas
  • -Estrella Polisaria (Sáhara). 17:35 horas
  • -Academia Feat. Aziz+Ajyu (Marrocos). 18:10 horas
  • -Searas (Chantada). 18:45 horas
  • -Fábrica de espejos (Chantada). 19:20 horas
  • -Liviao de Marrao (Chantada). 19:55 horas
  • -RAstreros (Chantada). 20:30 horas.