Entregan en Taboada o premio de investigación Condado de Pallares, concedido a tres chantadinos

CHANTADA

Tamara González, Xosé Méndez e Claudio Otero son os autores do traballo galardoado
Tamara González, Xosé Méndez e Claudio Otero son os autores do traballo galardoado ROI FERNÁNDEZ

Tamara González, Xosé Méndez e Claudio Otero realizaron un estudo histórico sobre a Chantada do século XVIII

28 nov 2019 . Actualizado a las 12:10 h.

A Casa de Cultura de Taboada acollerá este venres, ás 20.00 horas, o acto de entrega do decimoterceiro premio de investigación Condado de Pallares, que foi concedido a un traballo titulado A comarca de Chantada no século XVIII e presentado por Tamara González López, Claudio Otero Eiriz e Xosé Méndez Pérez. Os tres autores son chantadinos. O xurado que avaliou os traballos presentados ao certame resaltou o valor didáctico deste estudo, así como «o excelente tratamento das fontes documentais, a súa proposta descritiva e analítica de coñecemento que proporcionan unha imaxe global da vida familiar, a organización social e as actividades económicas da comarca de Chantada». Así mesmo, destacou a calidade lingüística do traballo, sinalando que «é digno da categoría do premio ao que á súa vez dignifica».

Dous dos autores do estudo premiado, Claudio Otero e Tamara González, xa gañaran anteriormente outras edicións deste certame con senllos traballos de investigación histórica. Otero é licenciado en dereito e doutor en desenvolvemento rexional e integración económica pola Universidade de Santiago. González, graduada en historia pola USC, cursou un programa de doutoramento en historia, xeografía e historia da arte. Pola súa parte, Méndez é sacerdote, licenciado en teoloxía e ciencias morais polas universidades pontificias de Salamanca e Comillas, e realizou cursos de paleografía diplomática.

O premio está dotado con 3.000 euros e publicación do traballo gañador. A entrega celebrarase o próximo día 29, ás 20.00 horas, na Casa de Cultura de Taboada. O certame Condado de Pallares está organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, a Deputación, os concellos de Taboada, Chantada e Guntín, o GDR Comarca de Lugo e Caixa Rural Galega.

O xurado desta edición estivo formado por Carlos Baliñas, investigador e profesor da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo; Gonzalo Fernández, decado da mencionada facultade; Fernando Arribas, responsable de Difusión da rede museística provincial e Benigno Lázare, secretario da asociación organizadora, que actuou como secretario con voz e sen voto.