«Todo o que me fixo persoa e parte dunha comunidade desapareceu»

Christian Rodríguez / C. C. MONFORTE

CHANTADA

CEDIDA

O chantadino presenta en público o seu primeiro poemario na Feira do Libro de Monforte

30 ago 2019 . Actualizado a las 17:33 h.

Rafa Lobelle (Chantada, 1988) é poeta e profesor de historia. A aldea da que é oriundo, Vilameá, na parroquia de Santa Cruz de Viana, atópase ao pé da serra do Faro, unha paraxe que ten protagonismo no seu primeiro libro de poemas. Lobelle presenta este venres Cotodamina na Feira do Libro de Monforte ás 20.00 horas.

-Cal é a razón de ser de Cotodamina?

-Cotodamina fai referencia a unha montaña que os habitantes da miña aldea din que é máxica. É un libro especial porque inclúe historias que me atinxen directamente e deron sentido á comunidade na que crecín. Parto da sensación de frustración que me produce comparar o rural de antes e o de agora.

-Escribe desde unha perspectiva reivindicativa ou a causa do malestar ou enfado?

-É máis ben un traballo de reflexión no que me fago preguntas a min mesmo. Intento encontrar os motivos que levaron aos cambios da vida no rural. Non é unha visión idílica do pasado porque como todo tiña erros e acertos. Escribo tamén desde o baleiro que me produce a desaparición de todo o que me confirmou como persoa.

-O teu editor Antón Lopo di de vostede o seguinte: «ten unha voz poderosa e profunda e os seus poemas posuén unha consistencia que non remite aos recursos literarios senón ao fenómeno da descuberta». Ten algo que engadir a esta descrición?

-A verdade é que Cotodamina non é para nada un libro de poesía clásica. Eu sempre digo que é como un perfume, xa que despois da criba quedou o máis puro. O libro condensa en dezaseis poemas un montón de cousas e curiosidades, como son as imaxes da natureza que poden recordar aos haikus xaponeses. Nesta obra tócanse moitos paus e publícoa no momento oportuno.

-Considérase un poeta romántico?

-A pesares de que a imaxe do romántico está moi devaluada, si que esta obra teñen certas similitudes con outras do Romanticismo do século XVIII. Os poemas ten lirismo pero non son nada ñoños.

-Este poemario invoca á natureza indomable ou á desaparición de paisaxes costumbristas. Cre que esta situación é irreversible ou aínda pode mudar?

-O rural do que falo desapareceu e non vai volver. As actividades da vida diaria mudaron por completo ca mecanización do traballo, con consecuencias aínda visibles hoxe. Foi un proceso brusco e radical, nesa transición acelerada móvese tamén Cotodamina. Con ese cambio perdéronse símbolos, paisaxes e historias únicas que incluso xente da miña xeración descoñece xa.

-En canto á Ribeira Sacra, o turismo contribúe a potenciar o rural ou apuntala a desaparición dos valores?

-É unha baza positiva pero hai que saber encauzala. De nada serve que veñan vinte turoperadoras ao rural se non teñen en conta aos veciños. A viticultura heroica e todo o que se vende non existiría se non fora pola xente.

-Vostede é profesor de historia no concello coruñés de Mazaricos. Parece que tamén lle afectou a despoboación...

-Así é, eu tamén tiven que marchar polas poucas oportunidades profesionais que tiña na comarca de Chantada. Este feito tamén o abordo no libro, pois pregúntome se traicionei ao rural, se non podería ter buscado un medio de vida alternativo para quedarme en Vilameá.