«Estudei o que me gustaba aínda que me recomendaban facer outra cousa»

CHANTADA

Tania Vázquez despois de recoller o premio que lle foi entregado onte en Madrid
Tania Vázquez despois de recoller o premio que lle foi entregado onte en Madrid CEDIDA

Profesora do instituto Río Cabe de Monforte, a chantadina Tania Vázquez acaba de recibir un premio nacional á excelencia académica

27 jun 2019 . Actualizado a las 11:46 h.

A chantadina Tania Vázquez García, profesora de lingua e literatura galegas do instituto monfortino Río Cabe, recolleu onte en Madrid un premio nacional de excelencia no rendemento académico concedido polo Ministerio de Educación por obter as mellores notas da súa promoción. A galardoada cursou a especialidade de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da USC, onde tamén recibiu con anterioridade o premio extraordinario de fin de carreira. Ten igualmente no seu haber un premio á excelencia académica concedido pola Xunta. O galardón que acaba de recoller -explica- chega con certo retraso, cando xa hai tempo que rematou os seus estudos.

-Que supón recibir este premio?

-É unha satisfacción ver recoñecido o meu esforzo, sobre todo porque estudei o que máis me gustaba aínda que non tiven moitos estímulos para facelo. Houbo xente que me recomendou que non seguise este camiño e que me dixo que non encontraría saídas profesionais. Recomendáronme, por exemplo, que deixase de lado a filoloxía e que estudase enfermería porque me sería moito máis fácil encontrar traballo. Pero iso non me atraía aínda que tivese máis oportunidades laborais. Sempre pensei que tiña que loitar polo que quería e quixen estudar o que me gustaba aínda que despois tivese que traballar noutra cousa. Finalmente non foi necesario e conseguín encontrar traballos acordes coa miña formación académica.

-Que proxectos ten agora?

-Na actualidade estou moi centrada na docencia, que é algo me encanta, pero tamén querería seguir facendo investigación filolóxica. Está claro que coa carga de traballo que teño agora non vou poder investigar a tempo completo, pero de todas formas quero continuar, aínda que sexa a tempo parcial. Antes de sacar a oposición tiven bolsas como investigadora do Instituto Ramón Piñeiro e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e publiquei traballos en varias revistas especializadas. Algúns deles están dispoñibles en Internet, en lugares como a rede social Academia. Precisamente agora está a punto de saír publicado un estudo meu que xa se editou en parte nunha revista académica. As miñas investigacións son sobre a literatura medieval escrita en linguas vernáculas, porque a filoloxía románica está moi especializada nese campo.

-Que consello lle daría á xente nova que estea interesada en estudar carreiras de humanidades pero que non se se decide a facelo?

-Quero romper unha lanza en favor das humanidades e especialmente da filoloxía. Son especialidades que hoxe en día están bastante marxinadas porque aos que queren estudar carreiras deste tipo pásalles moitas veces o que me pasou a min, que os desaniman e lles recomendan facer outras cousas. Din que son carreiras que non teñen moito futuro laboral, pero pola miña propia experiencia podo dicir quer iso é algo que non se corresponde coa realidade. Desde que acabei os estudos non houbo un momento en que estivese no paro. Primeiramente traballei con bolsas de investigación e agora estou empregada como docente. Así que aos que queiran facer carreiras de humanidades recoméndolles que non se desanimen e que se esforcen por estudar o que máis lles guste.

Nos seus traballos como investigadora en filoloxía románica, Tania Vázquez ten estudado diferentes literaturas europeas da época medieval, entre elas a lírica galego-portuguesa.

-Que aspectos da literatura lle interesan máis como investigadora?

-Nos traballos que realicei ata agora centreime sobre todo no mundo das mulleres, é dicir, na presenza e na imaxe das mulleres nas literaturas da Idade Media. Investiguei, por exemplo, sobre as trobairitz, as trobadoras la lítica occitana da época medieval. Na literatura galego-portuguesa dese mesmo período histórico, en cambio, non puiden facer ese tipo de investigación, porque non se coñecen textos escritos por mulleres. Iso non significa que non houbese autoras de textos literarios neste ámbito lingüístico. É probable que tamén as houbese, como as houbo na literatura occitana e na francesa, pero o que escribiron non se conservou, talvez porque non houbo interese en conservalo.

-Que investiga entón na literatura galego-portuguesa?

-Neste caso estudo as cantigas que falan de mulleres e en especial as que se dedicaron ás chamadas soldadeiras, as mulleres que andaban en compañía dos trobadores e xograres e que a miúdo eran escarnecidas e ridiculizadas. Nas investigacións sobre esas obras intento saber quen eran as mulleres desa época, como vivían e como pensaban. O que pretende con estes estudos é resucitar a aquelas mulleres dalgunha maneira.