Que fai esa rocha encaixada nese carballo?

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA

CHANTADA

ROI FERNÁNDEZ

Os conductores que pasan pola estrada vella de Chantada a Santiago levan medio século sorprendéndose pola estampa dunha gran pedra entalada entre as pólas dunha das árbores da Carballeira de Corvos. O caso ten explicación

31 may 2019 . Actualizado a las 17:07 h.

Vai para o medio século que o Carballo de Corvos abraza coas súas polas unha enorme pedra, nunha estampa que esperta curiosidade e intriga a quen por alí pase e se sorprenda ao vela. E non é difícil vela, porque o carballo de Corvos está pegado á vella estrada de Santiago, entre as aldeas de Limiñón e Portugal, na marxe dereita segundo se vaí cara a Rodeiro. A pedra está entalada entre dúas das grandes pólas deste carballo vello e portentoso.

Ramón Montes Varela, Ramón do Benigno, como é coñecido na contorna, pois é da Casa do Benigno de Limiñón na parroquia de Muradelle; sabe ben a historia desta curiosidade. En 1970, ano arriba, ano abaixo, a estrada denominada C-533 A Gudiña Lalín, tivo unha importante obra de ancheamento no tramo comprendido entre Chantada e o alto do Faro. Nas obras utilizouse suministro de granito extraído dunha canteira que explotaba en Pesqueiras a empresa Elsan, concesionaria tamén do proxecto de ampliación da estrada.

Ramón traballou de novo nesa obra, como axudante do topógrafo e noutras tarefas. Por iso ten un bo coñecemento das notables características do firme desta estrada, que aguantou décadas sen ter que reparse debido ao exhaustivo control de calidade que se aplicou durante as obras. «Tomábanse probas da compactación do sábrego cada poucos metros, e ademáis a grava é moi boa, da canteira de Pesqueiras», recorda. Ramón explica por que está esa grande pedra de granito entalada nunha forca do carballo, que ademais dáse a cinrcunstancia de que é da súa propiedade, porque forma parte dunha carballeira herdada do seu avó Benigno Montes. O caso é que nunha voadura para ampliar o que lle chaman a caixa da vía, voou do outro lado da estrada unha rocha grande e como conta Ramón, «fixo unha parábola indo parar ao carballo e alí quedou».

Pódese ver aínda a enorme pedra e como o paso do tempo fai que o vello carballo a vaia engulindo. O propietario da carballeira non cre que ninguén saiba cantos anos ten esa árbore en concreto, pero aventura que poden ser «catro séculos ou máis». O que si sabe é que «a última escota fíxolla hai noventa anos un veciño de Limiñón que se chamaba Baldomero Montes».