«En Galicia é posible vivir dos coellos, aínda que esixe un investimento forte»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

CEDIDA

Eva Vázquez organiza unha xornada sobre cunicultura que reunirá en Chantada a numerosos produtores

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A veterinaria Eva Vázquez traballa na empresa Evialis, que organizará mañá en Chantada unha xornada técnica sobre cunicultura. Será na casa de turismo rural Finca Quinteliña, a partir das 10.00 horas. Vázquez presta asesoramento a cunicultores de toda Galicia, León e o norte de Portugal.

-¿Por que se escolleu Chantada para organizar esta xornada?

-Esta é a cuarta edición e decidiuse facela en Chantada por razóns de proximidade xeográfica, para que sexa accesible por igual aos produtores das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. As dúas primeiras edicións foron en Vigo, pero despois decidiuse acercalas máis ás granxas e a xornada do ano pasado foi en Allariz, porque na provincia de Ourense hai moitas explotacións.

-¿E neste territorio cantas pode haber actualmente?

-En Chantada hai catro granxas, pero hai outras en territorios próximos, como Rodeiro -onde está o maior matadoiro de coellos de Galicia-, Monterroso, Palas de Rei... En Monforte hai dúas granxas pequenas e en Pantón había outra, que pechou debido á crise que tivo o sector entre o 2015 e o 2016 a causa da caída dos prezos.

-¿E o sector xa se recuperou desa crise?

-Houbo unha recuperación entre o 2017 e o 2081 e o hoxe pode dicirse que o sector está estable. Durante a crise pecharon bastantes granxas pequenas e sobreviviron sobre todo as máis importantes, non só en Galicia senón en moitos outros lugares.

-¿Que lugar ocupa hoxe Galicia nesta actividade?

-Hoxe en día Galicia é a comunidade cunha maior produción de España. Antes ese lugar estaba ocupado por Cataluña, pero a situación cambiou precisamente a causa da crise. Nesa comunidade pecharon moitas granxas pequenas e por ese motivo Galicia quedou en cabeza.

-¿Na actualidade é posible vivir exclusivamente da cría dos coellos ou hai que compaxinala con outras actividades?

-Entre os meus clientes en Galicia hai moitos que a combinan coa gandería, sobre todo de vacún de carne, e en León coa agricultura. Actualmente é posible que unha familia viva exclusivamente de criar coellos, aínda que iso esixe un investimento importante. Para poder vivir dos coellos é conveniente contar cunha granxa cunha cantidade de nais -porque ese é o criterio para indicar o tamaño das explotacións- que ande polo menos entre oitocentas e mil. A media en Galicia é de entre seiscentas e setecentas. Montar unha explotación que permita vivir en exclusiva desa actividade pode custar entre 300.000 e 400.000 euros, aínda que iso depende tamén dos terreos en que se encontre a granxa. Tamén pode depender das características da explotación, porque non é o mesmo unha granxa moderna onde esta todo automatizado que outra dun modelo más antigo onde aínda hai que facer moitas cousas manualmente, como alimentar os coellos.