A filóloga e escritora chantadina Pilar Vázquez Cuesta recibe hoxe sepultura en Santiago

CHANTADA

Pilar Vázquez Cuesta na biblioteca do seu domicilio, nunha fotografía de 1995
Pilar Vázquez Cuesta na biblioteca do seu domicilio, nunha fotografía de 1995 XOAN A. SOLER

Foi catedrática de portugués nas universidades de Salamanca e da capital galega

08 mar 2019 . Actualizado a las 07:27 h.

A filóloga, escritora e catedrática chantadina Pilar Vázquez Cuesta recibirá sepultura ás sete da tarde de hoxe en Santiago, onde tiña a súa residencia desde a década de 1980 e onde faleceu onte aos 93 anos de idade. Nada o 25 de abril de 1926, era filla do avogado e político chantadino Daniel Vázquez Campo, un dos fundadores da Organización Republicana de Lugo, que formou parte da Organización Republicana Gallega Autónoma liderada por Santiago Casares Quiroga.

Pilar Vázquez Cuesta cursou estudos de filosofía e letras na Universidad Complutense de Madrid, onde se licenciou en 1946. Dedicada ao estudo e á docencia, en 1976 obtivo unha praza de agregada de lingua e literatura portuguesa na Universidad de Salamanca, onde foi catedrática ata 1988. Nese ano incorporouse á Universidade de Santiago, cando se creou na súa Facultade de Filoloxía a cátedra de portugués, cargo que ocupou ata a súa xubilación en 1991.

Ao longo da súa carreira académica dedicouse ao estudo e á divulgación das literaturas de lingua portuguesa, traducindo ao castelán diversas obras literarias escritas neste idioma. Na súa ampla bibliografía figuran obras en español -como unha Gramática portuguesa publicada en 1949 en colaboración con Maria Albertina Mendes da Lus-, en portugués -como A língua e a cultura portuguesas no tempo dos Filipes e O que um falante de português deve saber acerca do galego- e en galego, como A nosa literatura: unha interpretación para hoxe. En 1996 foi distinguida cunha medalla Castelao e foi tamén doutora honoris causa pola Universidade de Lisboa.