Un vídeo gravado en diferentes puntos do municipio mostra algúns dos animais que é posible avistar durante esta temporada no sur lucense
23 jul 2018 . Actualizado a las 18:02 h.Para observar a fauna salvaxe, especialmente en verán, non é preciso desprazarse a paraxes remotas e deshabitadas. Unha proba diso son as imaxes deste vídeo, gravadas durante os pasados días en diferentes puntos do municipio de Chantada. Nas imaxes pode verse primeiramente un raposo común (Vulpes vulpes) a buscar alimento no lugar da Touza, na parroquia de Pedrafita. Aparecen tamén unhas cegoñas brancas (Ciconia ciconia) -unha ave especialmente abundante no sur lucense- levantando o voo nun prado de Sabadelle. O vídeo mostra así mesmo dúas aves rapaces avistadas nas ribeiras de Belesar. Trátase dun lagarteiro (Falco tinnunculus, cernícalo en castelán) a defender o seu territorio contra un buxato (Buteo buteo, ratonero ou busardo en castelán), que cuadriplica ao primeiro en tamaño.
Nas imaxes aparece tamén unha corza (Capreolus capreolus) alimentándose moi cerca do casco urbano de Chantada, en pleno paseo fluvial do Asma. O vídeo termina mostrando uns exemplares de chasco (Saxicola torquatus rubicola, tarabilla común en castelán) que parecen intentar chamar a atención de posibles depredores para defender o seu niño. Estas imaxes foron gravadas no lugar de Airoá, na parroquia de Pesqueiras.