O Domingo Lambedoiro de Santiago de Arriba abrirá o día 28 o ciclo carnavalesco da Ribeira Sacra

La Voz

CHANTADA

ALBERTO LÓPEZ

A primeira xornada do Entroido Ribeirao terá como convidados aos representantes de tres carnavais tradicionais de Ourense

22 ene 2018 . Actualizado a las 13:15 h.

A parroquia chantadina de Santiago de Arriba abrirá o día 28 o calendario de festas carnavalescas do sur lucense coa celebración do Domingo Lambedoiro, a primeira xornada do tradicional Entroido Ribeirao. Tal como se fixo nos dous últimos anos, representantes doutros entroidos tradicionais galegos participarán nesta xornada inaugural. Este ano os convidados son a asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, os fulións rurais de Viana do Bolo e os peliqueiros e parranfóns de Campobecerros, do municipio ourensán de Castrelo do Val.

Todos estes personaxes participarán nun pasarrúas que comenzará ás doce do mediodía na praza Santa Ana de Chantada. Pola tarde -a partir das 16.00 horas-, tamén tomarán parte na celebración do Domingo Lambedoiro en Santiago de Arriba.

Por outro lado, o Domingo Corredoiro -4 de febreiro-, o Domingo de Entroido -día 11- e o Martes de Entroido -día 13- haberá novas celebracións en Santiago de Arriba, sempre a partir das catro da tarde.

O Entroido Ribeirao, ao igual que o do Oso de Salcedo -na Pobra do Brollón- foron incluídos como futuros bens de interese cultural no catálogo do patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra que acompaña a proposta da Xunta para declarar este territorio como paisaxe cultural.