Trinta anos sen a talla de Sernande

Fixeron falta tres intentos, pero finalmente os ladróns conseguiron levarse o valioso Santo Espírito da parroquia chantadina de Nogueira de Miño


Hai algo máis de trinta anos varias parroquias do concello de Carballedo e Chantada sufriron os roubos de imaxes das súas igrexas, capelas e de casas reitorais. Unha das pezas máis importantes que quedaron desaparecidas despois daquela vaga de roubos é a talla en madeira do Espírito Santo de Sernande en Nogueira de Miño. Non era a primeira vez que os ladróns o intentaban con ela.

Sernande desapareceu anegado polo encoro dos Peares en 1950. A vella capela do Espírito Santo, tamén debaixo da auga, estaba no lugar coñecido como O Santo, ben apartada das casas, e era o espazo onde permanecía unha curiosa e antiga representación do Espírito Santo, unha talla en madeira policromada cuxas características proporcións atenden a unha posible factura románica.

José Varela é unha das poucas persoas que quedan e que habitaron a aldea. Conta que hai aproximadamente oitenta anos, un tal Teixeiro xunto con outros veciños de Nogueira, unha noite quixeron levar a imaxe ao lugar da Eirexe. Cando chegaron ao regato, o peso do santo comezou a aumentar, impedindo o seu transporte porque se afundían na lama.

Cun saco de sulfato

O seu traslado secreto quedou así abortado e á mañá seguinte as xentes de Sernande atoparon a imaxe cun saco de sulfato colgado simulando un contrabandista, para mofa dos ladróns aos devotos de Sernande. Outro roubo aconteceu anos despois, pero as pesquisas deron con ela na aldea de Lamela de Veascós, e outra vez o santo retornou á súa capela.

Pero foi a finais dos anos setenta ou quizás a comezos dos oitenta cando un terceiro roubo fixo desaparecer a talla policromada para sempre. Esta vez gardábase na nova capela construída por Fenosa no lugar coñecido como O Cimbro, uns cen metros máis arriba da cota máxima do encoro e cerca do lugar de Adegas en Erbedeiro. «Agora deixárono levar e antes non houbo maneira», dixo o Teixeiro despois deste último roubo, segundo lembra José Varela.

A festa do Espírito Santo de Sernande sube e baixa no mes de maio e pode chegar a xuño. Recentemente, un grupo de veciños e descendentes de veciños do vello Sernande, animáronse a recuperar a festa. Por medio de Fenosa e da Biblioteca Provincial, conseguiron unha fotografía da desaparecida talla, e foi Manuel Vázquez, tamén do lugar e virtuoso da pedra e o cicel, o que fixo unha reprodución en granito para sacala en procesión. As redes sociais e a teima por preservar documentos foron quen de atopar dúas imaxes máis, unha coloreada de xeito artificial propiedade dunha bonaerense e outra nunha estampa relixiosa.

Outros roubos en Chouzán e Veascós

A trasladada e afastada igrexa de Santo Estevo de Chouzán gardaba unha representación de Santa Catalina que foi roubada hai aproximadamente corenta anos xunto coa cruz dos enterros e das procesións. E no lugar da Grixoá, tamén da parroquia de Chouzán, roubaron da capela un san Martiño que non tardou en aparecer grazas ao empeño dos veciños en recuperalo. A igrexa de Veascós non se librou da pillaxe, pois do mesmo xeito quedou sen unha imaxe na mesma época.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Trinta anos sen a talla de Sernande