«En Nogueira apareceu unha Ascensión da que non se sabía nada»

Aguiar restaura en Chantada un valioso conxunto de frescos renacentistas


chantada / la voz

Uxía Aguiar Ballesteros, especialista da empresa Parteluz, traballa actualmente na nova fase da restauración das pinturas murais renacentistas da igrexa de Nogueira do Miño, no municipio de Chantada, onde xa se realizaron outras intervencións nos últimos anos. O labor comezou a finais de setembro e, segundo as súas estimacións, pode estar terminado nun prazo aproximado de tres semanas. O seu traballo céntrase nas pinturas do muro sur do templo.

-¿En que consiste o traballo que están realizando?

-Traballamos nun conxunto de frescos do século XVI que estaba cuberto nun 80% por varias camadas de cal e por algunhas pinturas máis recentes que non teñen valor artístico. Ademais de estar ocultos, estes frescos tiñan un problema de adhesión ao muro por causa da humidade. En varios sitios, por debaixo da pintura orixinal formáranse bolsas de aire que a separaban do muro. En primeiro lugar houbo que solucionar este problema para garantir a adhesión da pintura á superficie do muro de cantería. Despois retiramos o cal e limpamos as outras pinturas e outros materiais depositados sobre os frescos. Agora estamos traballando na restauración dos pigmentos para devolverlle dentro do posible o cromatismo orixinal.

-¿Están ben conservadas as pinturas por debaixo do cal?

-Conserváronse bastante ben e cando quede terminado o traballo poderase ver cerca dun 90% das pinturas orixinais. Non había moitas lagoas e o conxunto está moi íntegro. Penso que cando quede terminada a restauración deste conxunto, o interior da igrexa vai presentar un aspecto bastante diferente do que ten agora.

-¿En que consisten os frescos que estaban ocultos?

-No muro sur hai dúas escenas diferentes. Unha delas é unha representación da resurrección de Xesús, que xa se sabía que existía, porque nunha intervención anterior fixérase unha cata que revelou a súa presenza. Pero debaixo do cal tamén había unha escena da Ascensión da Virxe María da que non se sabía nada ata agora. Esta descuberta resulta particularmente interesante porque á igrexa de Nogueira está dedicada a santa María e ata agora non aparecera no seu interior ningunha iconografía relacionada con ela. Nas pinturas do muro norte hai unha representación do Xuízo Final e na cabeceira, que xa foi restaurada hai tempo, hai escenas do martirio de Xesús, pero non se coñecía nada relacionado coa figura da Virxe. Os frescos descubertos no muro sur son a única mostra iconográfica relacionada directamente coa advocación da igrexa e por iso teñen un especial valor histórico.

-¿Estas pinturas tamén se poden atribuír ao artista anónimo coñecido como Mestre de Nogueira, como as outras que hai na igrexa?

-Si, son da mesma época e sen dúbida son obra do mesmo obradoiro do Mestre de Nogueira. Todas estas pinturas están realizadas coa xenuína técnica do fresco, non como outras moitas pinturas renacentistas das igrexas galegas, que utilizan unha técnica de falso fresco moito menos sofisticada. Isto é moi notable, porque demostra que o obradoiro do Mestre de Nogueira tiña un nivel técnico moi elevado.

-¿E son importantes en canto á calidade artística?

-Teñen unha calidade moi alta, como as demais obras que se conservan na igrexa. O Mestre de Nogueira ten un estilo moi relacionado coa pintura renacentista e manierista e o seu valor artístico é moi grande. As figuras son moi expresivas, tanto as que se encontraban noutras partes do templo como as que puxemos agora ao descuberto. Estas obras encóntranse entre as máis importantes desa época que se conservan en toda Galicia. Estamos moi contentos deste traballo, polo valor artístico e histórico das pinturas e porque no aspecto técnico a restauración está resultando moi satisfactoria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

«En Nogueira apareceu unha Ascensión da que non se sabía nada»