Cando o piso do cárcere de Chantada se afundiu baixo os pés dos presos

A antiga prisión chantadina sufriu un aparatoso accidente no século XIX


chantada / la voz

O ano 1846 ten un importante peso na historia de Galicia por ser a época do célebre levantamento militar encabezado polo coronel Miguel Solís e o fusilamente dos Mártires de Carral. Na historia chantadina destaca por ser o ano en que o municipio estreou a casa consistorial e unha nova prisión. Estes episodios históricos pouco coñecidos foron rememorados en 1974 polo antigo alcalde Luis Campo Fernández nunha colaboración publicada no programa das festas dese ano.

De acordo cos datos reunidos neste traballo, a historia dos edificios do Concello e da prisión comezou moito antes de que fosen construídos. A lenta burocracia da época e os efémeros mandatos municipais atrasaron dezasete anos o inicio das obras. Naquela época Chantada precisaba con urxencia do inmoble. Por unha parte, non había casa consistorial permanente e as sesións plenarias debían celebrarse en vivendas alugadas en diversas zonas da vila. Si existía unha prisión, pero o edificio era xa vello e sufría o risco de derrubarse, ademais de ser demasiado pequeno para un partido xudicial que neses tempos -como moitas outras zonas de Galicia- rexistraba elevados índices de delincuencia.

«Hecho tristemente sabido»

O perigo de derrubamento da vella prisión acabou por facerse realidade en 1843, polo que conta un oficio do xuíz de primeira instancia que foi lido nunha sesión da corporación municipal o 4 de xaneiro do ano seguinte: «Es un hecho tristemente sabido, el estado ruinoso de la carcel de este pueblo (...) no hay habitación para el alcaide-carcelero, por lo que de noche tiene que abandonar los presos con riesgo de que se fuguen, como ocurrió varias veces (...) el piso se halla completamente derrotado, habiéndose hundido con los presos sujetados con cadenas». O relatorio do xuíz falaba tamén do «peligro de desplomarse las paredes por su gran antigüedad» e sinalaba que a custodia do cárcere non estaba a cargo de funcionarios, senón de «doce hombres cabeza de familia».

A decisión de construír o novo edificio fora tomada o 30 de abril de 1829, cando se reuniron na casa que entón servía de concello os inviduos que formaban a corporación municipal: o licenciado José María Faílde Varela, de Sabadelle, alcalde; os rexedores Norberto Sebastián Vázquez Otero, de Costoira; Andrés Taboada Varela, da Casa de Mazaira de San Fiz de Asma; o deputado común José Bóo Villar e o procurador síndico Manuel Gómez de Castro. Nesa sesión acordaron, segundo quedou consignado nos documentos da época, «que en atención a que en esta villa no hay casa propia donde reunirse el Ayuntamiento y la de cárcel está arruinada, es preciso proporcionarse una en donde verificarlo y de la cárcel se haga presente la necesidad de su reedificación al Señor Intendente de la Provincia».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Cando o piso do cárcere de Chantada se afundiu baixo os pés dos presos