Xosé Lois Ripalda: «O traballo das viñas antes era algo tremendo»

la voz

Omes próximo será publicado pola editorial Ir Indo o libro A cultura do viño, de Xosé Lois Ripalda, escritor natural da parroquia de Erbedeiro, en Carballedo. A obra presta especial atención ás tradicións vitícolas da Ribeira Sacra do Miño.

-¿Para falar destas tradicións recorreu aos recordos persoais?

-Moito, porque eu cheguei a coñecer unha época na que as ribeiras do Miño eran moi diferentes do que son agora, antes de que os encoros mudasen completamente a paisaxe. Vin cousas que desapareceron hai moito tempo e paréceme interesante deixar un testemuño sobre elas. O traballo das viñas segue sendo duro nestas terras, pero hai que recordar que antes era algo tremendo. Agora hai camiños entre os viñedos e é posible meter maquinaria, pequenos tractores... Antes non había nada diso e había que subir por esas pendentes escarpadas cargando con aqueles cestos culeiros cheos de quilos e quilos de uvas. E había que subir moito, porque as adegas estaban sempre na parte alta da ribeira. No libro falo deses tempos, cando o viño só se facía en cubas de madeira, cando había que pisar as uvas...

-¿Tiña moita importancia o viño na súa parroquia?

-Sempre houbo máis viñedos noutros lugares da ribeira, como Belesar, Nogueira, A Sariña, Líncora... Pero en Erbedeiro tamén había viñedos. Aínda hoxe hai xente que segue cultivando viñas nesa zona, a pesar de que a aldea está praticamente deshabitada.

-¿Que outras cousas mudaron no mundo do viño?

-O que había arredor do viño era todo un mundo que desapareceu en grande parte. As tabernas ou baiucas xa eran un mundo en si mesmas. Antes podía haber tres ou catro en cada aldea. Uns personaxes tradicionais que desapareceron por completo eran os arrieiros que cruzaban as serras do Faro e do Suído para levabar á comarca do Deza os viños da ribeira de Chantada. A maioría deses arrieiros eran das terras de Camba, aos que nesta comarca chamamos cambotes. Levaban o viño en grandes pelellos que había que transportar con moito cuidado por uns camiños esgrevios, ben tapados con peles para protexelos da chuvia. Cargar os pelellos de viño nas cabalerías requería unha técnica moi precisa e era todo un ritual. Estes arrieiros eran personaxes moi coñecidos e moi característicos nestas terras. Había un que chamaban o arrieiro das paridas, porque dicían que era o que levaba os viños máis delicados, os que se reservaban para as embarazadas.

-¿Os viños de antes eran moi diferentes dos de agora?

-Eu coido que agora son demasiado parecidos uns aos outros. Antes notábase moito a diferenza dunha zona a outra, e mesmo entre viñas moi cercanas entre si. E unha cousa que me parece importante é que noutros tempos era moi habitual que as viñas das ribeiras do Miño estivesen rodeadas de árbores froiteiras, que é algo que hoxe xa non se ve. Eu creo que a proximidade das froitas notábase no sabor do viño.

-¿No libro ocúpase da tradición oral sobre o viños?

-Si, contén unha boa cantidade de refráns, cantigas e contos tradicional sobre o viño. Para escribilo seguín unha liña moi similar á do meu libro A cultura do pan, que tamén presta bastante atención a estes aspectos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Xosé Lois Ripalda: «O traballo das viñas antes era algo tremendo»