Reviven a festa dunha aldea asulagada

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA

CHANTADA

Exveciños de Sernande volven celebrar a súa romería á beira do Miño

14 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Esta fin de semana houbo festa en Sernande, e iso non tería nada de particular se non fose porque esa aldea chantadina quedou cuberta polo Miño tras a construción en 1955 do encoro dos Peares. O que se celebrou este domingo foi a romería do Espírito Santo. Acudiron residentes en diferentes lugares da parroquia de Nogueira e noutros puntos de Chantada. Todos están vencellados familiarmente aos veciños do vello Sernande. Os de máis idade aínda viviron alí, así que aproveitaron a longa sobremesa festiva para contar historias da aldea asulagada, en tempos unha das principais fornecedoras de produtos hortícolas ao mercado de Chantada e que ademais tiña un punto de paso en barca á beira do Saviñao.

A romería fíxose ao pé do río, no lugar no que hai máis de medio século se levantou unha capela para sustituír á que pouco despois quedaría baixo as augas, que estaba a carón dun cemiterio no lugar coñecido como O Santo. O encoro dos Peares non está afectado polo baleirado de Belesar, así que Sernande non se conta entre as aldeas ribeireñas do Miño que están emerxendo das augas estes días.

A talla volveu, pero só en foto

Á nova capela foi traslada daquela a peza máis valiosa da vella capela, unha talla de madeira do Espírito Santo, que anos máis tarde foi roubada, xunto coa campá e outros elementosde valor, sen que se volvese saber dela. A falta da talla orixinal, na procesión posterior á misa deste domingo os veciños sacaron unha réplica feita de granito feita despois do roubo e baseándose nas fotografías que se conservan da primeira.

Os veciños levaron o ano pasado á capela unha desas fotografías e colocárona no lugar que no seu día ocupou a talla orixinal.