Riqueza sulfurosa en Chantada

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

O patrimonio termal do municipio vai esmorecendo pouco a pouco

06 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O patrimonio termal de Chantada non é moi coñecido, pero existe. As súas pegadas máis visibles están en Mouriscados, onde aínda aguanta en pé o que queda dun balneario que abriu a finais do século XIX, pero hai máis. Nas parroquias de Sabadelle e Adaúlfe, os veciños seguen indo ás súas fontes de augas minerais para facer acopio delas ou lavarse alí mesmo. Ademais, no veciño municipio do Saviñao, a carón do Miño, houbo en tempos unha casa de baños da que hoxe case non queda máis que o recordo.

O balneario de Mouriscados ou a Casa do Baño como é coñecida no lugar, atópase á beira do río Enviande, cerquiña da aldea de Río, na parroquia de Arcos. A seis quilómetros de Chantada pola estrada de Antas de Ulla, o edificio foi fundado por Leopoldo Rodríguez Guerra no 1890, aínda que as virtudes curativas das augas do manancial eran coñecidas antes, pois un documento conta que no 1877 tiña 200 usuarios ao ano.

Son dous brotes de auga sulfurosa, alcalina e silicatada distintos con temperatura de 8.5 e 17 graos centígrados, respectivamente. Trátase de augas con forte cheiro a xofre e tacto untoso, indicadas para o aparello dixestivo e doenzas da pel.

Lembra Olga Otero veciña do lugar de Souto, e actual concelleira de Medio Rural, que os baños ou chorros de ducha debíanse tomar en quendas de nove días para garantir unha boa efectividade. A auga quentábase con leña nun grande depósito de zinc cun circuíto ata as bañeiras.

Pechado hai corenta anos

Comezaba a tempada de baños do día 15 de xuño e duraba ata o primeiro de outubro. O establecemento disponía de servizo de aloxamento, pensión completa ou dereito a cociña para os clientes. Cesou a súa actividade hai uns corenta anos, atendido por unha señora de Mouriscados coñecida como A Farruca.

É un edificio integrado no entorno de arquitectura tradicional e cun xardín que, aínda abandonado, recoñécese pola súa variedade botánica. O aspecto do conxunto hoxe é de total abandono, pois recentemente caeulle enriba o tellado. Non é un ben inventariado por patrimonio e polo tanto non goza de ningunha figura de protección.