Manuel Darriba gaña o premio González Garcés co poemario «Os indios deixaron os verdes prados»

Rodri García A CORUÑA/LA VOZ.

CHANTADA

23 jun 2010 . Actualizado a las 04:15 h.

«Pola súa orixinalidade, a súa tensión dramática e o xeito de artellar o mundo do cotián coas imaxes visionarias». Estes son argumentos polos que o xurado do premio Miguel González Garcés acordou, por unanimidade, escoller como mellor poemario o presentado por Manuel Darriba (Sarria, 1973) e que leva por título Os indios deixaron os verdes prados . Despois de seis novelas, «dúas traducidas ao castelán, en Bruguera, este é o terceiro poemario que publico».

O premio, dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora, está convocado pola Deputación coruñesa; o seu presidente, Fernández Moreda, salientou que a entidade conta xa «cunha magnífica colección de poesía en galego» e o comisario do premio, Xavier Seoane, salientou a elevada presentación de orixinais, 78, e dixo que o gañador «é un libro escrito con moito rigor, moi traballado e con poemas de verso libre e elevada concentración, a pesar do título que parece informal».

Sobre o título do poemario, dicía onte Darriba que ten un aire melancólico e irónico, «de certa perda, que é o espírito do libro, esa mirada melancólica sobre o efecto do tempo vai provocando na vida».

Despois de apuntar que algúns dos versos foron escritos hai un par de anos, Darriba amosouse «basicamente de acordo» coas valoracións do xurado xa que o poemario «remite a escenas cotiás, máis realistas e outros poemas son máis oníricos, rozando o surrealismo». Tamén adiantou que o libro vaise publicar, na editorial da Deputación coruñesa, con ilustracións de Lomarti, «un artista de Chantada que fai tamén pintura e escultura».