Un repertorio de ao menos 69 templos en dezaseis municipios

La Voz

CHANTADA

02 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non é fácil determinar o número exacto de igrexas de orixe románica que existen na Ribeira Sacra, xa que ata agora non se fixo un inventario exhaustivo deste patrimonio. Algúns templos que non están catalogados como tales aínda poden conservar vestixios arquitectónicos ou escultóricos pouco coñecidos -como os que se descubriron en tempos recentes nalgunhas igrexas de Sober- que permitan clasificalas neste período, aínda que a súa fábrica estea moi alterada.

Na mencionada web do ecomuseo de Arxeriz figuran 56 igrexas repartidas en trece municipios, pero neste sitio non se mencionan os templos de orixe románica existentes en Monforte (Valverde e Ribas Altas), Ribas do Sil (Torbeo e San Clodio) e A Pobra do Brollón (Ferreiros e A Veiga). Por outro lado, no municipio de Sober indica a existencia de catro igrexas (Lobios, Pinol, Proendos e Canaval), pero omite outras tres (Amandi, Anllo e Bolmente) que tamén conservan restos románicos.

Na Ribeira Sacra lucense, os municipios con patrimonio románico coñecido son once: Portomarín (con 4 templos), Paradela (4), Taboada (10), Chantada (14), Carballedo (6), O Saviñao (7), Pantón (6), Sober (7), Monforte (2), A Pobra do Brollón (2) e Ribas do Sil (2). Na zona ourensá, os municipios de Nogueira de Ramuín, Esgos, Parada de Sil, Xunqueira de Espadañedo e Montederramo contan cada un cun monumento.