Xosé Lois García presenta en Carballedo o seu oitavo libro sobre simboloxía do Románico
CARBALLEDO
O autor repasa a iconografía das igrexas de Chouzán, A Cova, Oleiros, Lousada, Búbal, Aguada e Pradeda nesta obra editada dentro da Colección Gubia da Deputación de Lugo
09 oct 2026 . Actualizado a las 16:58 h.A oficina de turismo de Castro de Carballedo acollerá este sábado, 10 de outubro, ás 19.30 horas, a presentación do libro Simboloxía do románico de Carballedo, obra de Xosé Lois García editada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
No acto, que contará coa presenza da deputada Iria Castro, o autor chantadino repasará o contido dunha publicación centrada na iconografía das igrexas románicas de Carballedo: as de Chouzán, A Cova, Oleiros, Lousada, Búbal, Aguada e Pradeda.
Iria Castro subliñou durante a presentación da obra que «é primordial contar con materiais divulgativos para que esta riqueza patrimonial chegue a todas as persoas e se propicie a súa protección. O coñecemento é base para dispór políticas transversais de preservación e posta en valor do patrimonio».
A obra, editada dentro da Colección Gubia —dedicada ás investigacións arredor do patrimonio—, será agasallada cun exemplar a todas as persoas que asistan á presentación deste sábado en Carballedo.
Este é o oitavo libro que Xosé Lois García publica sobre a simboloxía presente na arquitectura románica. As anteriores son Simboloxía do Románico de Pantón (1999, reeditado en 2014) , Simbologia do Românico de Amarante (1990), Simboloxía do románico de Sober (2008), Simboloxía do Románico de Chantada (2010), Simboloxía do románico do Saviñao (2015), Simbologia do Românico de Penafiel (2018) e Achegas á simboloxía do románico da Ulloa (2022). Ademais, no ano 2012 publicou Guía románica do Ribeiro, que aínda que é unha guía e non un estudo monográfico específico sobre «simboloxía», tamén pertence á mesma área temática.