O certame de investigación Condado de Pallares presenta unha nova edición

Paula Currás LUGO/LA VOZ

CARBALLEDO

A presentación do certame no Museo Provincial de Lugo
A presentación do certame no Museo Provincial de Lugo CEDIDA

O 30 de setembro será o día límite para que as persoas investigadoras presenten os seus traballos, que deberán ser inéditos e en galego

02 jul 2021 . Actualizado a las 12:03 h.

A nova edición do Certame de Investigación Condado de Pallares xa está en marcha. O Museo Provincial de Lugo foi o lugar escollido para unha presentación convocada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, que destacou como principais obxectivos da iniciativa a promoción da investigación nos ámbitos da lingüística, a historia, a arte ou a arqueoloxía no antigo Condado de Pallares, hoxe representado polos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

Para participar, os investigadores deberán enviar os seus traballos, inéditos e en lingua galega, á Casa Reitoral de Ferreira de Pallares, sede da asociación. O seu presidente, Carlos Vázquez, sinalou durante a presentación a relevancia dun certame que nos últimos anos recibiu traballos dende diferentes puntos de Galicia. O xurado emitirá o seu fallo nun acto que terá lugar o próximo 6 de novembro e que recoñecerá ó gañador ou gañadora cun premio de 3.000 euros e a publicación da súa obra.

Ó longo do acto, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Pallares, que nuns meses especialmente complicados para a cultura por mor da situación sanitaria «fixo un esforzo por manter a actividade e por visibilizar e dar traballo á xente ligada a sectores de produción cultural». Ademais de animar a participar no certame ás persoas investigadoras que teñan traballos relacionados co ámbito territorial, Ferreiro ofreceu os fondos dos museos da Rede Museística para afondar no seu coñecemento.