Atrás quedaron os tempos da concorrida festa de campo do San Wintila, que se celebraba nun prado eirado a poucos metros da igrexa da parroquia de Carballedo. Segundo a tradición, o santo protexe os animais e as colleitas. Por iso os veciños traían á festa os seus mellores lacóns, cachuchas, touciños e demais, para ofrecerllos ao santo e recadar donativos nunha poxa diante da igrexa, enriba dunha pedra ao carón dunha camelia que aínda está. E e sempre antes da misa, co Cholas de poxador e o Amancio de San Mamede de recadador. Era tamén costume dos romeiros traer espigas para bendicilas e levar outras xa bendicidas. «Había quen levaba máis das que traía», lembra con retranca un veciño.
Músicos e carniceiros
En terra de músicos, como podían faltar as bandas. De sona eran as de Castro, Milleirós e Oleiros. Nunca viñan orquestras, sempre bandas. Nos últimos anos eran a de Chantada e a da Manchica as que máis se contrataban. Había noutrora tanta concorrencia na festa que se precisaba unha loxística axeitada ao xantar. Así viñan polo menos cinco carniceiros, lembra Maruja Sanmartín. Eran o Barretas, Eutimio, Félix, Cazolo, Zapateiro… Alí atábanse e partíanse os becerros para a carne. E tamén viñan polbeiros, pero disto hai máis de trinta anos.