Nova etapa da galería Citania dirixida por Cristina Carballedo

O histórico espazo reabre esta tarde cunha exposición de Paco Pestana

la voz

A histórica galería de arte Citania inicia unha nova etapa dirixida por Cristina Carballedo, profesional cunha traxectoria como comisaria e directora dunha sala de arte privada de catorce anos.

Cristina Carballedo asume o proxecto da reapertura de Citania xunto con Euloxio Ruibal, fundador da galería xunto con María Antonia Pérez en 1978, que nacera a partir de Torques situada no mesmo lugar da Algalia de Abaixo, 39, no que Citania bota a andar unha nova andaina esta mesma tarde. Faino coa exposición de debuxos e esculturas Hoxe. Auga Mazada, de Paco Pestana, e cun acto que será presentadio polo poeta e académico Salvador García Bodaño.

A nova directora desta galería compostelá subliña que este reto «é un paso máis na miña traxectoria profesional, e para min é un orgullo moi grande, porque non en balde Citania é a galería máis antiga de Galicia, na que expuxeron artistas tan importantes como Tapies, Colmeiro ou Laxeiro. Tamén representa unha gran responsabilidade, porque o proxecto que queremos desenvolver pretende sumar a toda esa tradición a modernidade artística».

Dez exposicións ao ano

O programa da nova época de Citania contempla ofrecer unhas oito exposicións ao ano, «nunca máis de dez». A proposta artística que sucederá á de Paco Pestana será do escultor portugués Paulo Neve, segundo adiantou Cristina Carballedo. Matizou que, en calquera caso, as súas previsións non son traballar con artistas emerxentes «senón con creadores consagrados e cunha traxectoria acreditada no mundo da arte, e dándolle preferencia á arte contemporánea galega e apoiando aos creadores galegos, pero sen deixar de lado a creadores doutros lugares».

As reducidas dimensións da galería non son un problema nin un obstáculo para desenvolver «un proxecto aberto e diversificado, porque hoxe calquera galería funciona como un escaparate, e nós queremos facer transcender o noso traballo fóra do espazo físico de Citania, e cun carácter cultural interdisciplicar».

Traballo interdisciplinar

Citania inaugurouse hai trinta anos na rúa da Rosa cunha exposición do pintor ourensán Manuel Prego de Oliver e cunha charla de Álvaro Cunqueiro. Torques contara na súa apertura coa intervención de Eduardo Blanco. O número de exposicións na historia das dúas galerías supera as 300 montaxes, que se complementaron con numerosas actividades e actos a cargo de personalidades da cultura galega de distintos ámbitos.

Unha das novidades que puxo en marcha Citania nos anos oitenta foi a edición de carpetas de obra gráfica de artistas como Laxeiro, Eugenio Granell, Colmeiro, María Antonia Dans, José Luís de Díos, Virxilio e Antón Lamazares, entre outros, realizadas por iniciativa da propia galería ou por encargo de institucións públicas ou de empresas privadas. Esta é unha liña de traballo que a nova directora asegura que queren manter.

O que non prevén recuperar é a revista que chegou editar esta galería, Citania. Artes, Letras, espectáculos, na que colaboraron especialistas en arte e literatura como Ruiz de Samaniego, Lourdes Méndez, Nélida Piñón, Luis Hueso, ou Larraz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Nova etapa da galería Citania dirixida por Cristina Carballedo