«Estudei as imaxes bíblicas de Lugo desde a época paleocristiá»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

CARBALLEDO

08 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O arqueólogo e historiador taboadés Jaime Delgado Gómez presentou en Lugo o seu libro A Biblia na iconografía pétrea lucense , un extenso volume que recolle investigacións detalladas sobre 27 monumentos e pezas artísticas e arqueolóxicas de diferentes épocas espalladas pola provincia. Todos eles teñen en común o feito de conter imaxes extraídos da Biblia.

-¿Canto tempo lle levou realizar os estudos que recolle?

-Foi un labor de anos, pero orixinalmente estes traballos non foron feitos coa idea de publicalos en forma de libro. Unha parte deles publicouse no boletín do Museo Provincial e inicialmente ían ser unha especie de fichas divulgativas sobre pezas de especial valor, pero acabaron sendo algo máis longo e profundo. Outros capítulos publicáronse máis tarde na revista Lucensia . Foi a Deputación quen me suxeriu recuperar todos estes estudos e reunilos nun libro, e é a primeira vez que poden consultarse todos xuntos.

-¿Que épocas históricas abranxen as investigacións?

-As imaxes e motivos bíblicos máis antigos que estudei nestes traballos son da época paleocristiá, e pertencen ás mostras máis vellas da arte cristiá que se conservan na provincia, como o sarcófago da igrexa de Temes, en Carballedo, e o Crismón de Quiroga. A obra máis recente que incluín no libro é un relevo renacentista do século XVI cunha imaxe da Piedade que procede do desaparecido convento de San Antonio de Monforte e que pode verse na capela dunha casa da rúa Doutor Casares. Pero a maior parte das pezas das que falo nesta obra son do período románico.

-¿Na provincia hai máis obras artísticas de asunto bíblico que lle parecería interesante?

-Claro que hai, e polo menos hai outra media ducia de estudos deste tipo que me gustaría ter feito para poder incluílos neste libro. Coido que xa non os farei porque vou vello e xa publiquei bastantes libros, vinte e tantos polos menos. Así que creo que deixarei eses estudos para outros investigadores.

-¿E non ten algunha outra obra en proxecto?

-O que teño é outro libro que acaba de publicarse hai pouco tempo. Titúlase Cuatro pétreas joyas iconográficas del alto y bajo Medievo orensano e contén varios estudos sobre pezas de valor histórico e arqueolóxico da Ribeira Sacra ourensá, como son un retablo románico de Santo Estevo de Ribas de Sil e unha imaxe da Adoración dos Magos do mosteiro de Camba, en Castro Caldelas.