O festival de cinema Vendaval volve ao sur lucense con sete filmes

BÓVEDA

Presentación dunha das actividades da segunda edición do festival Vendaval na localidade de Manán, en Sarria
Presentación dunha das actividades da segunda edición do festival Vendaval na localidade de Manán, en Sarria DARÍO EYRÉ

As actividades serán nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Sober e Sarria entre os próximos días 25 e 30

13 ago 2026 . Actualizado a las 17:54 h.

Catro municipios do sur lucense acollerán entre os próximos días 25 e 30 a terceira edición do festival Vendaval, dedicado ao cinema portugués. As xornadas contan co patrocinio da asociación A Memoria é Náufraga, que xestiona na localidade de Xullán —en Bóveda— o centro cultural A Casa da Memoria. O programa de actividades comprende un curso impartido pola cineasta portuguesa Margarida Cardoso sobre as diversas formas en que o cine do país veciño abordou a guerra colonial en África. Titulado «Filmar despois do imperio», o curso desenvolverase na Casa da Memoria. A inscrición custa 200 euros e comprende formación, almorzo, comida e posibilidade de acampada gratuíta. Os interesados poden escribir ao correo vendaval@vendaval.gal ou chamar ao teléfono 636 214 758.

O festival cinematográfico Vendaval conta co apoio da Consellería de Cultura, a Deputación lucense, o Instituto Camões e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal. Ao igual que nas dúas edicións anteriores, despois deste primeiro pase de verán haberá outro na primavera do ano próximo, cuxas datas e lugares de celebración anunciaranse máis adiante.

A continuación detállanse as actividades previstas para estas xornadas:

25 de agosto. A partir das 22.00 horas proxectaranse no local A Palleira —en Manán, Sarria— as curtrametraxes Bad for a moment, de Daniel Soares; Stop-Salas de ensaio para um materialismo histórico, de Jorge Quintela; Maio, de Claudio Carbone, e Cães que ladram aos pássaros, de Leonor Teles. Na sesión participarán o realizador Jorge Quintela e a actriz Ana Vilaça.

26 de agosto. O filme Entroncamento, de Pedro Cabeleira, será proxectado ás 22.00 horas no restaurante e cafetería Aldaba, na parroquia de Rosende, en Sober.

27 de agosto. A adega Abadía da Cova, no municipio do Saviñao, acollerá as dúas actividades programadas para esta xornada. Ás 20.00 horas ofrecerase un concerto de Calcutá, nome do proxecto musical da artista portuguesa Teresa Castro, que presentará o disco Soon after dawn. Ás 22.00 horas proxectarase o filme Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín —en versión galega con subtítulos en castelán—, con banda sonora composta por Teresa Castro.

28 de agosto. No centro cultural A Casa da Memoria proxectarase ás 22.00 horas o filme As Estações, de Maureen Fazendeiro. No acto participará a directora de arte Melania Freire. Ás 23.45 horas comezará no mesmo espazo unha xornada de observación do ceo nocturno dirixida por Martin Pawley.

29 de agosto. Ás 10.00 horas comezará o curso impartido por Margarida Cardoso no centro A Casa da Memoria. O mesmo lugar acollerá ás 12.00 horas unha conversa entre o crítico galego Martin Pawley e o actor portugués Sérgio Coragem.

30 de agosto. O curso de Margarida Cardoso iniciarase ás 10.00 horas. A última actividade do festival, ás 12.00 horas, será unha charla entre Martin Pawley e a cineasta portuguesa.