Filmes, música, coloquios e viños no festival Vendaval 

BÓVEDA

Unha das actividades do último pase de outono do festival cinematográfico Vendaval
Unha das actividades do último pase de outono do festival cinematográfico Vendaval DARÍO EYRÉ

O pase de primavera das xornadas cinematográficas comprenderá actividades nos municipios de Bóveda, Chantada, Monforte, Sober e Sarria

05 may 2026 . Actualizado a las 18:14 h.

A organización do festival de cinema portugués Vendaval deu a coñecer a programación completa do pase de primavera da súa segunda edición, que se celebrará entre os próximos días 23 e 31 nos municipios de Bóveda, Chantada, Monforte, Sober e Sarria. Ademais da proxección de diversos filmes, comprenderá actividades paralelas, como concertos, coloquios, conferencias, actividades didácticas para centros de ensino e unha cata de viños.

Todas as actividades serán gratuítas, a excepción dunha clase maxistral do cineasta ourensán Iván Castiñeiras e unha cata de viños co sumiller Humberto Loureiro. Para asistir á primeira destas actividades é necesario realizar unha inscrición previa —ao prezo de 15 euros— no número de teléfono 677 229 463. Para a cata de viños hai que abonar 30 euros e apuntarse previamente no teléfono 636 214 758.

O festival é organizado pola asociación cultural A Memoria é Náufraga co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais —a través do programa Territorio e Cultura— e o Ministerio de Cultura. A continuación detállanse as actividades previstas para estas xornadas:

23 de maio. Ás 19.00 horas comenzará na sala A Palleira —na localidade de Manán, en Sarria— unha clase maxistral de Iván Castiñeiras. Ás 22.00 horas proxectarase no mesmo local o filme Deuses de pedra, dirixido por este realizador, a e entrada será gratuíta.

24 de maio. Ás 13.00 horas ofrecerase no restaurante e cafetería Al'daba —na parroquia de Rosende, en Sober— un concerto do músico e actor vigués Joel Fontán, quen interpretará pezas de coñecidos compositores portugueses, como José Afonso e Fausto Bordalo. Às 18.00 horas proxectarase na Casa de Cultura de Sober o filme À procura da Estrela, de Carlos Martínez-Peñalver Mas. No acto participará Joel Fontán.

27 de maio. Na Casa de Cultura de Monforte proxectarase ás 12.00 horas o filme de animación Nayola, de José Miguel Ribeiro, nunha sesión dirixida aos alumnos dos institutos de ensinanza media.

28 de maio. No centro sociocultural de Bóveda ofrecerase ás 10.00 horas unha proxección da película de animación Ice Merchants, de João Gonzalez. A sesión diríxese a alumnos de ensino primario.

30 de maio. O auditorio municipal de Chantada acollerá ás 19.00 horas un coloquio con Beli Martínez, produtora cinematográfica e profesora da Universidade de Vigo, sobre «A coprodución con Portugal». Ás 22.00 horas proxectarase na sala Cinema Palleiriso —na localidade de Mariz, en Chantada— o filme Ariel, de Lois Patiño. No acto participará Beli Martínez, produtora da película.

31 de maio. Todas as actividades da última xornada desenvolveranse no centro cultural A Casa da Memoria, na localidade de Xullán, en Bóveda. Ás 12.00 horas comezará unha cata comparativa de viños da Ribeira Sacra e Portugal a cargo de Humberto Loureiro. Ás 13.00 horas ofrecerase no mesmo local un concerto do músico Davide Salvado, quen presentará o disco Permita Deus. Ás 17.00 horas proxectarase o filme Noite sem distância, de Lois Patiño. Ás 17.30 iniciarase un coloquio sobre a historia do contrabando na fronteira de Galicia e Portugal no que participarán o historiador Daniel Lanero Táboas, profesor da Universidade de Santiago, e o arqueólogo Xurxo Ayán.