«Na Casa da Memoria hai unha media dunha actividade cada oito días»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

Intervención da escritora Olga Novo nunha das actividades culturais organizadas no centro A Casa da Memoria
Intervención da escritora Olga Novo nunha das actividades culturais organizadas no centro A Casa da Memoria A MEMORIA É NÁUFRAGA

O centro cultural de Bóveda prepárase para celebrar o terceiro aniversario da súa apertura

16 abr 2026 . Actualizado a las 21:02 h.

O próximo xuño cumpriranse tres anos da apertura do centro cultural A Casa da Memoria, xestionado pola asociación A Memoria é Náufraga na localidade de Xullán, pertencente á parroquia de Tuimil, en Bóveda. O aniversario será celebrado cun festexo entre os días 23 e 24 dese mes. Pero antes o centro ten previsto organizar outras citas, como leva facendo desde a súa creación. «No 2024 e no 2025 tivemos unha media dunha actividade cada oito días, que é moito para unha pequena localidade rural», explica a presidenta da asociación, Patricia Castro.

As iniciativas que se desenvolven na Casa da Memoria xiran en boa parte en torno á relación entre a saúde mental e o benestar coas artes, pero tamén as hai de moitos outras clases. «Durante este tempo tivemos concertos, presentacións de libros, proxeccións de películas, obradoiros de varios tipos e residencias artísticas, e tamén patrocinamos o festival Vendaval de cinema portugués», sinala Castro. Unha das primeiras iniciativas da Casa da Memoria foi a realización do documental O médico dos pobres, sobre a vida de Manuel Díaz González —coñecido como o «Pequeniño do Incio»—, asasinado en 1936 despois de terse refuxiado na casa de Xullán que hoxe alberga o centro.

As actividades que organiza a Casa da Memoria, di por outro lado Patricia Castro, «son grazas a que os propios artistas están interesados en facer cousas aquí, nun entorno moi diferente das grandes cidades». O obxectivo da creación do centro, engade, «é precisamente ofrecer as actividades culturais e lúdicas que faltan no medio rural, o que é unha das causas de que as aldeas queden sen xente». 

Voluntariado ambiental

O centro cultural tamén ten organizado dúas xornadas de voluntariado ambiental —no 2024 e no 2025— para limpar e acondicionar o entorno do río Mao ao seu paso pola parroquia de Tumil. Para este ano, segundo a presidenta da asociación, está prevista unha nova iniciativa deste tipo, pero aínda non ten unha data prevista. «Queremos arranxar unha zona xunto ao río onde tamén poderemos organizar algunhas actividades», di.

A próxima cita prevista na Casa da Memoria será o festival «Do Tradi ao Folk», que se celebrará o 16 de maio desde as 13.00 ata as 22.00 horas. Haberá actuacións do dúo Kornoj edos músicos Antonio Martín e Manuel Sancho e, unha conferencia do etnógrafo e coleccionista Manuel Rodríguez Calviño sobre «As tecedeiras» e un xantar popular cos artistas convidados.