A mostra itinerante, organizada pola asociación Egeria, dedícase a divulgar os valores das rutas xacobeas
24 dic 2025 . Actualizado a las 16:07 h.A Casa de Cultura de Bóveda acolle ata o 15 de xaneiro a exposición itinerante «O fin do Camiño», organizada pola asociación cultural Egeria para divulgar os valores das rutas xacobeas. A mostra foi inaugurada pola concelleira de Cultura, Cristina Juiz, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz. A exposición, segundo explican os organizadores, comprende textos en galego, castelán e inglés, «xa que está dirixida especialmente aos peregrinos e a súa programación comprende numerosos puntos dos camiños de Santiago».
Este ano, a exposición está dedicada á divulgación do Camiño Inglés. Nos paneis que conforman a exposición figuran breves textos sobre o Camiño de Santiago de escritores como Dante, Frei Luis de León, Tirso de Molina, Miguel de Cervantes, Antonio Machado, Eduardo Pondal, Urbano Lugrís, José Luis Pensado, Álvaro Cunqueiro, Gonzalo Torrente Ballester, Celso Emilio Ferreiro e Manuel Rodríguez López. A mostra comprende ademais fotografías de Eduardo Ochoa e Carlos Puga que se arredan —segundo a asociación organizadora— «das visións turísticas, centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os máis sobranceiros». Os textos, din así mesmo os responsables, «abordan o tema do fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este camiño milenario».