Bóveda convoca o seu segundo concurso de poesía Letras Galegas

La Voz MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

Florencio Delgado Gurriarán.
Florencio Delgado Gurriarán. Consello da Cultura Galega

O Concello entregará lotes de libros aos cinco autores que resulten premiados

04 may 2022 . Actualizado a las 12:16 h.

O Concello de Bóveda convoca o seu Certame de Poesía Letras Galegas 2022. Trátase dun concurso para menores e adultos, con catro categorías de premios en función das idades dos participantes. O prazo para presentar os poemas a concurso, que deben ser orixinais e estar escritos en lingua galega, estará aberto ata o 17 de maio, a data na que se celebra o Día das Letras.

Os premios consistirán en lotes de libros. Na categoría de adultos haberá un primeiro e un segundo premios, aos que lles corresponderán un lote de libros valorado en 100 euros e outro de 80, respectivamente. Os concursantes con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos optará a un premio único dun lote de libros por valor de 50 euros; os de 9 a 12 anos terán a súa propia categoría cun premio dun lote de libros por 40 euros; e os de 6 a 8 anos, poden gañar un lot ed elibros cun valor de 30 euros. Todos os gañadores recibirán ademais un diploma e verán os seus poemas publicados nas redes sociais do Concello de Bóveda.

As personas interesadas en participar teñen que presentar os seus poemas nun sobre pechado na Casa da Cultura de Bóveda de luns a venres e en horario de dez da mañá a tres da tarde. Tamén é posible envialo por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeboveda.com que faga constar no asunto a frase "II Certame de Poesía Letras galegas do Concello de Bóveda" e que inclúa o poema nun arquivo adxunto e formato .doc ou .pdf xunto cos datos persoais e o seudónimo co que se participa. Por último, tamén é posible concursar mediante o envío do poema e dos datos persoais do autor mediante o correo ordinario ao Concello de Bóveda.

Según explican no Concello de Bóveda, os poemas presentados por menores de idade deberán ter unha extensión mínima de 4 versos e máxima de 10. Para os adultos, a extensión mínima será de 8 versos e a máxima de 20. En canto a temática, os versos deben contar referencias á paisaxe, a terra e os seus froitos, a natureza, a emigración ou a defensa do idioma e da cultura galega, que son os temas ao redor dos que xira a obra do escritor Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras deste ano. Nas redes sociais do Concello de Bóveda hai máis información sobre os requisitos para participar.