Escenarios do sur lucense para filmar a Galicia de antano

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

Filmación dunha escena de  A rabia  ante a coñecida igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital, no municipio do Incio
Filmación dunha escena de A rabia ante a coñecida igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital, no municipio do Incio

A película «A rabia», rodada no Incio, Folgoso do Courel e Bóveda, recrea o mundo rural de principios do século XX

16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os municipios do Incio, Folgoso do Courel e Bóveda serviron de escenario para a filmación de A rabia, unha curtametraxe dirixida por Alberto Díaz que recrea a Galicia rural de principios do século pasado. O guión do filme baséase en parte en feitos reais vividos por unha bisavoa do director na parroquia de Martín -en Bóveda, de onde é natural o cineasta- e a historia ten unha certa relación coa situación actual. «Un irmán da protagonista da película é mordido por un lobo que lle transmite a rabia», explica o director. «Ao escribir o guión, en plena pandemia, pareceume interesante facer unha reflexión sobre a dureza da vida neses tempos e sobre como se padecían as enfermidades nesa época en comparación coa nosa», engade.

A curtametraxe terá unha duración de entre doce e dezasete minutos, segundo as estimacións do director, pero a rodaxe resultou particularmente complexa. Por unha parte -sinala Díaz- trátase dun filme de época, polo que requiriu un especial coidado na ambientación e na dirección artística. Neste aspecto, os responsables do proxecto encontraron un importante apoio na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que retratou o mundo rural galego na década de 1920. «É un material moi potente que nos axudou moito en aspectos como o vestiario e o ambiente da época», apunta o realizador.

Un equipo numeroso

Na filmación -que se levou a cabo entre finais de xuño e principios de xullo- participaron por outro lado numerosas persoas. «En total chegou a haber cerca de 35 persoas, o que é un equipo moi grande para ser unha curtametraxe», di Alberto Díaz. Entre eles figuran os coñecidos actores Antonio Durán Morris, María Vázquez e Xosé Antonio Touriñán. «Non foi nada fácil xuntar tres actores importantes da escena galega nunha curta e que lles cadrasen ben as datas a todos, pero ao final foi posible», agrega o realizador. No filme tamén aparecen como figurantes varios veciños dos municipios onde se desenvolveu a rodaxe. O feito de que na película participan nenos e o uso de certos efectos especiais -como unha simulación de néboa sobre os bosques- engadiron máis complexidade á filmación. «Foi case como facer unha longametraxe concentrada en moi pouco tempo», di a este respecto o director.