Bóveda conmemora o Día das Letras cunha homenaxe participativa a Xela Arias

La Voz

BÓVEDA

O Día das Letras Galegas do 2021 festexa a figura e a obra da poeta luguesa Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003)
O Día das Letras Galegas do 2021 festexa a figura e a obra da poeta luguesa Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) Lois A. C.

Todo aquel que queira pode mandar vídeos seus lendo poemas desta autora e o Concello publicaraos no Facebook

10 may 2021 . Actualizado a las 19:22 h.

O Concello de Bóveda está preparando unha homenaxe aberta a Xela Arias, a autora que protagoniza este ano o Día das Letras Galegas. Na homenaxe pode participar todo aquel que queira, mediante a gravación dun vídeo recitando un poema de Xela Arias. Os vídeos serán publicados no Facebook do Concello de Bóveda e as persoas participantes recibirán un agasallo da bibioteca municipal.

O prazo para enviar os vídeos, que non deben sobrepasar o minuto de duración, quedou aberto este luns e non se pechará ata o día 20. O enderezo electrónico ao que hai que enviar os vídeos, xunto cos datos de contacto do autor, é cultura@concellodeboveda.com.

Dentro das actividades organizadas para conmemorar o Día das Letras, o Concello de Bóveda acaba de pór en marcha no centro sociocultural a exposición "Asinamos ser libres", que repasa a traxectoria vital e literaria de Xela Arias. O centro sociocultural ten preparada tamén unha actividade infantil titulada "Estas cartas teñen moito conto. Xogando con Xela Arias", que terá lugar este xoves en horario de mañá.