Os últimos avances contra o coronavirus, en directo para estudantes de Bóveda

Carlos Cortés
Carlos Cortés LA VOZ / MONFORTE

BÓVEDA

A neurocientífica galega Sonia Villapol co seu home, o tamén científico Todd Treangen
A neurocientífica galega Sonia Villapol co seu home, o tamén científico Todd Treangen Houston

A científica Sonia Villapol falará este venres desde Houston para os alumnos do colexio desta localidade. Villapol explicará as novidades máis recentes da loita contra a pandemia

16 dic 2020 . Actualizado a las 11:14 h.

 A científica Sonia Villapol participará esta semana nunha vídeoconferencia para os estudantes do colexio Rosalia de Castro, de Bóveda. Villapol, natural da Pastoriza pero actualmente establecida en Estados Unidos, falaralles dos últimos avances na investigación sobre a covid-19.

Sonia Villapol formouse en bioloxía molecular e biotecnología na Universidade de Santiago e ampliou os seus estudos cun máster en Neurociencia pola Universidade Autónoma de Barcelona. Despois diso, traballou como investigadora en institucións científicas de París, Maryland e Washington; e desde hai dous anos forma parte do equipo científico do centro de neurociencia do Instituto Metodista de Investigación de Houston, un dos centros de referencia sobre neuroloxía e neurocirurxía en Estados Unidos.

 

Tras a aparición da pandemia de coronavirus, o equipo que dirixe Sonia Villapol traballa ademais nunha investigación sobre esta enfermidade. En concreto, analizan a fauna microbiótica presente no sistema dixestivo de personas que presentan infección por covid-19 e doutras que non a sofren.

A videoconferencia desta científica cos escolares do colexio de Bóveda está programada para este venres. Comezará ás dez e cuarto da mañá, e non a poderán presenciar só os estudantes. Segundo informa o Concello de Bóveda a través das súas redes sociais, calquera que estea interesado terá ocasión de seguir a intervención de Sonia Villapol a través da canle do colexio Rosalía de Castro de Bóveda en YouTube.