Cristina Rodríguez, guía turística: «O patrimonio arqueolóxico da Pobra do Brollón é un recurso moi atractivo»
A POBRA DO BROLLÓN
Rodríguez traballa por segunda vez no programa municipal «Déixate guiar»
04 sep 2026 . Actualizado a las 11:25 h.A guía turística Cristina Rodríguez Saa ( O Saviñao, 1992) traballa este ano no programa «Déixate guiar», do Concello da Pobra do Brollón, que seguirá desenvolvéndose ata o día 20. A iniciativa comprende visitas guiadas aos xacementos arqueolóxicos do castro de San Lourenzo de Cereixa e Penas do Castelo, á Cova das Choias e ás adegas centenarias de Vilachá de Salvadur, así como ao miradoiro sobre o Sil situado nesta mesma parroquia.
—Como responde o público ás visitas a sitios arqueolóxicos?
—Segundo a miña experiencia, este patrimonio é un recurso moi atractivo para os visitantes, aínda que o que leva a palma é a Cova das Choias. No caso de Cereixa, a xente sorpréndese ao ver que non é un castro típico, que é diferente do que esperaban encontrar, e ao saber que está sendo escavado desde hai dez anos e que se están descubrindo cousas moi singulares. En Penas do Castelo, como aínda non está claro en que consistía este asentamento, os visitantes sacan as súas propias teorías sobre o que puido ser. Hai moitos que din que lles gustaría que se seguise escavando o xacemento para ver se se aclaran as incógnitas que o rodean. Ademais, estes dous lugares cambian cada ano, porque coas campañas de escavacións están sempre aparecendo cousas novas, que é algo que interesa moito aos visitantes.
—No castro de Cereixa houbo visitas guiadas durante a última campaña de escavacións, entre 3 e o 14 de agosto.
—Si, e para os visitantes foi moi interesante ver como traballaban os arqueólogos e poder falar con eles acerca do que estaban facendo. Para os turistas foi todo un luxo pode asistir persoalmente ás escavacións. Tamén foi moi importante o feito de que no castro se celebrase o 10 de agosto a romaría de San Lourenzo.
—Hai moito interese por visitar a Cova das Choias?
—É un lugar que encanta tanto aos nenos como aos maiores e sobre todo para os rapaces é toda unha experiencia. Alucinan co feito de poder visitar unha cova como esta, o lugar onde se encontra... En agosto tiven listas de espera todos os días e en xullo tamén viñeron moitos visitantes. Veu xente de moitos lugares diferentes e tamén estranxeiros, de Alemaña e outros países. Os visitantes son moi respectuosos coas normas que hai seguir durante a visita. Hai que estar calados, porque na cova hai colonias de morcegos de dúas especies raras e protexidas, e se os visitantes traen lanternas non se pode apuntar a luz para o teito para molestar os animais o mínimo posible. Desde o 2018 a cova está pechada cunha barreira na entrada e só se pode entrar nas visitas que organiza o Concello. Aínda así, creo que hai xente que entra sen permiso, algo que non se debe facer en ningún caso porque pode ser prexudicial para os morcegos e tamén para os musgos luminosos que viven neste lugar.
—E as adegas e o miradoiro de Vilachá?
—Tamén son uns elementos que espertan moito interese. Para os visitantes é moi sorprendente o conxunto de adegas centenarias e chámalles a atención ver que unhas construcións tan antigas estean tan ben conservadas e coidas. É un conxunto arquitectónico moi pouco común, eu diría que único en España, e os turistas valoran moito a preocupación que teñen os propietarios e os demais veciños pola súa conservación. O miradoiro de Vilachá é tamén un lugar moi apreciado pola espectacularidade da paisaxe.
—Hai xente que repite estas visitas?
—A primeira vez que traballei neste programa foi no 2021, estando embarazada, e este ano viñeron algunhas persoas que xa estiveran aquí nesa época. Os que repiten son sobre todo familias que xa visitaron antes a Cova das Choias, incluso antes de que se pechase a entrada. Agora veñen cos fillos e con outros familiares para ver como está este sitio na actualidade. Para min é moi bonito e emocionante ver que hai xente que estivo antes neste lugar e que se interesa en volver visitalo e en darllo a coñecer a outras persoas.
—Pensa aproveitar profesionalmente esta experiencia?
—Este é o segundo ano no que participo neste programa turístico e é algo moi enriquecedor. Máis adiante querería traballar pola miña conta como guía turística e traer xente a coñecer estes lugares, aínda que a Cova das Choias non se pode visitar durante o resto do ano. Interesaríame tamén guiar visitas en Monforte e nos lugares relacionados coa viticultura da Ribeira Sacra. Gustaríame especialmente traballar en actividades con nenos, para que coñezan mellor o patrimonio que temos nestas comarcas e os lugares nos que viven.