O acto celebrarase o próximo día 13 na Casa da Cultura
02 nov 2025 . Actualizado a las 12:05 h.O Concello da Pobra do Brollón, en colaboración coa asociación Os Lactouros de Monforte, organizará o 13 de novembro unha presentación pública da segunda edición da Guía micolóxica básica da provincia de Lugo, editada pola Sociedade Micolóxica Lucus. O acto celebrarase ás 20.00 horas na Casa de Cultura Olga Novo.
A obra, segundo apuntan desde o Concello, é «clara e comprensible, pero con contidos igualmente completos e rigorosos, para quen queira iniciarse no apaixonante mundo da macromicoloxía en xeral e da lucense en particular». A publicación comprende fichas fotográficas de 202 especies de cogomelos, na súa maior parte frecuentes no territorio da provincia. Nas observacións das fichas coméntanse outras 348 especies.
A guía, apuntan así mesmo os organizadores do acto de presentación, concede moita importancia «aos conceptos básicos que todo afeccionado debe coñecer para avanzar con seguridade no coñecemento do mundo dos fungos; identificación, toxicidade e comestibilidade, así como uns apuntes de lexislación».