Este venres 11 de outubro terá lugar a proxección inaugural do Ciclo Mestre Mateo na Pobra do Brollón, co pase da película Fatum, un dos filmes de ficción finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo.
A cita terá lugar no Casa da Cultura Olga Novo ás 20:15 horas. Trátase dun thriller de acción dirixido por Juan Galiñanes e protagonizada por Álex García e Luis Tosar, quen interpreta a un adicto ao xogo que se ve envolto nun atraco a unha casa de apostas.
Fatum foi finalista en cinco categorías dos Mestre Mateo: Mellor longametraxe, interpretación masculina protagonista, dirección, montaxe e vestiario.
A programación do Ciclo Mestre Mateo está composta por outras nove proxeccións que terán lugar entre outubro e decembro na Pobra do Brollón.
Serán tres longametraxes de ficción, incluída a gañadora O Corno, ademais dos finalistas Matria e Salta!; catro documentais (o gañador Os espazos en branco, xunto con A nave das Marías, A viaxe de Lucy, e Chichi e mais eu) e nove curtametraxes repartidas en dúas sesións.
As datas das proxeccións pódense consultar nas redes sociais e páxina web do Concello da Pobra do Brollón.
O Ciclo Mestre Mateo é impulsado pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pobra do Brollón, co obxectivo de levar o mellor cine galego actual a novos públicos.