María Yáñez, montañeira e deseñadora: «Con este proxecto conxugo dúas das miñas paixóns, o mundo da montaña e os xogos»

A POBRA DO BROLLÓN

María Yáñez mostra unha das cartas que se utilizan no seu xogo «Cordadas. Trasnadas camiño do cumio»
María Yáñez mostra unha das cartas que se utilizan no seu xogo «Cordadas. Trasnadas camiño do cumio» CEDIDA

Unha veciña da Pobra do Brollón edita un xogo de cartas de temática montañeira

03 feb 2023 . Actualizado a las 11:37 h.

Natural de Lugo, María Yáñez Rabanal reside na Pobra do Brollón é a creadora do primeiro xogo de cartas en galego de temática montañeira. O xogo, chamado Cordadas. Trasnadas camiño do cumio, ten un ha versión en castelán. A idea orixinal do xogo é súa e os debuxos e deseños das cartas que o compoñen son de creación propia.

—Como se lle ocorreu crear este xogo?

—Sempre tiven moita relación co mundo da montaña, son secretaria do club de montañismo Cordal de Lugo e colaboro con outro club do sur da provincia, Buxán, con sede social en Pantón. E tamén fun sempre moi afeccionada aos xogos de mesa e a debuxar e deseñar, aínda que son autodidacta neste terreo. A idea xurdiu tomando un café cuns amigos e orixinalmente consistía en crear un xogo de mesa con dados e outros complementos. Pero despois, estando nos Picos de Europa, deime conta de que o que levo sempre na mochila é un xogo de cartas. Así que decidín diseñar un xogo deste tipo, máis práctico para xogar en refuxios de montaña. Con este proxecto conxugo dúas das miñas paixóns, o mundo da montaña e os xogos.

—Como está estruturado?

—O xogo está formado por oitenta cartas e cada xogador asume o papel dun alpinista que debe chegar ao cumio dunha montaña levando todo o material que precise. É un xogo competitivo no que cada xogador intenta gañar por si só, non é de colaboración. Os xogadores, que poden ser de dous a seis, intentan que os contricantes non consigan o obxectivo e para iso poden usar unhas cartas que chamei «trasnadas» —ou «codazos» na versión en castelán—, coas que poden roubarlles materiais de escaladas e poñerlles outros obstáculos. Tamén poden usar cartas de meteoroloxía adversa contra os seus adversarios.

—É un xogo apto para nenos ou só para adultos?

—Eu creo que tamén poden xogar nenos desde os 8 de anos de idade. Fixen probas con nenos de 10 anos e pasárono moi ben con el. É moi fácil de xogar porque utiliza un código de cores e penso que tamén é bastante dinámico. Cada cor corresponde a un tipo de escalada: clásica, deportiva ou de alpinismo.

—Sabe se no mercado hai algún outro xogo de cartas baseado nesta temática?

—En galego estou segura de que é o primeiro, pero noutros idiomas non me atrevería a aseguralo. Consultei a varias tendas especializadas e nestes establecementos non sabían de ningún outro xogo deste tipo. Pode ser que exista, pero eu non teño coñecemento.

—Como se pode conseguir?

—Acabo de iniciar unha campaña de micromecenato para financiar a primeira edición do xogo. Os interesados poden solicitalo durante corenta días a través do portal Verkami e no prazo de dous meses recibirano nas súas casas. Tamén poden informarse sobre o xogo en YouTube, nunha conta que se chama @muki xogos.