Alba María, cantora e filóloga: «Esperamos que os brindos cheguen a recuperarse como as regueifas»

A POBRA DO BROLLÓN

Alba María ten raíces familiares no municipio de Pantón
Alba María ten raíces familiares no municipio de Pantón PACO RODRÍGUEZ

A regueifeira imparte obradoiros de cantos improvisados na Pobra do Brollón xunto con Sara Marchena

30 ene 2023 . Actualizado a las 16:50 h.

Na Pobra do Brollón comezou a impartirse o pasado venres unha serie de obradoiros que durará todo o ano e que ten a finalidade de recuperar a tradición local dos brindos ou cantares improvisados. A filóloga e cantora Alba María Rodríguez (Vigo, 1995) —con raíces familiares no municipio de Pantón— imparte estas aulas xunto con Sara Marchena. As dúas forman parte do movemento de renovación das regueifas, un xénero de improvisación similar ao dos brindos.

—En que se parecen e en que se diferencian brindos e regueifas?

—O brindo e a regueifa son case a mesma cousa. Son cantares improvisados formados por cuartetos de oito sílabas nos que dialogan varios cantores. O que responde comeza a súa estrofa repetindo o último verso da cuarteto que acaba de cantar o seu interlocutor. Esa estrutura xa está presente na poesía medieval galego-portuguesa e chámase leixaprén. Diferéncianse sobre todo en que a regueifa ten un carácter máis agresivo e o brindo é máis laudatorio, polo menos na forma en que chegou ata nós. Ademais, os brindos distínguense por conteñen moitas alusións á paisaxe e a toponimia dos territorios nos que se cantaban.

—Que se sabe sobre a orixe destes xéneros?

—Segundo as investigacións históricas, a regueifa é moi posible que nacese no século XVIII en torno á Igrexa de Santiago. As súas orixes están vinculadas ao ritual do reparto de pan que se facía nos casamentos, e ese pan chamábase tamén regueifa. O brindo non está tan vinculado ao reparto do pan. Tamén ten unha relación cos casamentos, pero o antropólogo Carmelo Lisón Tolosana sinala que os brindos non só se cantaban nas vodas, senón tamén noutras circunstancias, como nas comidas que se facían despois dos carretos, é dicir, dos traballos que se facían mediante a cooperación veciñal. Lisón di ademais que o comportamento do público tiña moita importancia na interpretación dos brindos. O cantor podía loar aos oíntes, pedirlles tabaco ou agasallos... Se na reunión había algunha solteiro, era habitual que se aludise a esa condición, porque na sociedade tradicional tiña moita importancia as diferenza entre estar casado e estar solteiro.

—Para recuperar esta tradición, que importancia teñen as gravacións que quedan dos últimos brindeiros?

—O corpus de gravacións de brindos que temos non é moi numeroso. Son moi importantes os rexistros que fixeron brindeiros como o Ribeira de Louzarela [Antonio Río Montero, natural de Pedrafita do Cebreiro], os irmáns Veloso Valcárcel da Pobra do Brollón e algúns outros... O problema é que esas mostras recolléronse simplemente como cantigas populares. Esas gravacións non foron feitas no contexto tradicional no que se cantaban os brindos, é dicir, en espazos de socialización ritual que xa desapareceron. As gravacións fixéronse cando estas persoas eran moi maiores e xa non tiñan a ninguén con quen dialogar cantando brindos. Non sabemos moi ben como se comportaban e como improvisaban nesas situacións.

—A regueifa perdurou ata hoxe en mellores condicións que o brindo.

—O que pasou coa regueifa é que conseguiu transformarse e converterse noutra cousa, nun espectáculo. O brindo non o logrou e foi desaparecendo cando desapareceron os espazos tradicionais de socialización que lle eran propios, como os carretos ou como as vodas que antes se celebraban nas casas e que pasaron a celebrarse en restaurantes.

—Será complicado recuperar hoxe esta tradición?

—Esperamos que a tradición dos brindos chegue a recuperarse dunha maneira parecida ao que pasou coas regueifas, é dicir, conseguir que evolucione e se transforme nunha cousa diferente. Gustaríanos que isto se fixese con base nos valores que caracterizan o movemento moderno da regueifa, como o ecoloxismo, o feminismo, a loita contra a discriminación...

—A quen se dirixen os obradoiros que imparten na Pobra do Brollón?

—Un dos obxectivos principais é atraer ás xeracións máis novas a este xénero. No 2018 Sara Marchena e eu impartimos uns obradoiros de brindos no colexio da Pobra do Brollón e os nenos responderon moi ben. Gustaríanos seguir nesa liña e atraer a máis rapaces. Tamén quedan algunhas persoas maiores que poden improvisar brindos pero non o fan porque non teñen con quen cantalos. O que pretendemos é crear novos espazos de socialización para que tanto a xente maior como a máis nova se anime a improvisar brindos.