A Pobra do Brollón resucita a tradición musical dos brindos

A POBRA DO BROLLÓN

Os irmáns José e Álvaro Veloso Valcárcel, xa falecidos, foron gravados por Xosé Lois Foxo no 2009 e as súas coplas foron editadas nun disco que se publicou no 2011
Os irmáns José e Álvaro Veloso Valcárcel, xa falecidos, foron gravados por Xosé Lois Foxo no 2009 e as súas coplas foron editadas nun disco que se publicou no 2011 CEDIDA

Cinco anos despois da morte do último brindeiro local, o Concello organiza obradoiros de coplas improvisadas que se impartirán ao longo de todo o ano

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio da Pobra do Brollón é un dos últimos lugares onde se conservou a tradición dos brindos, uns cantares improvisados —semellantes ás máis coñecidas regueifas— que formaron parte da cultura popular da montaña lucense. En outubro do 2017 morreu José Veloso Valcárcel, un veciño da localidade de Forgas de Abaixo que, xunto co seu irmán Álvaro —falecido en novembro do 2010—, foi o último cantor do municipio que cultivou este xénero. Cinco anos despois, o Concello da Pobra do Brollón quere resucitar esta tradición mediante unha serie de obradoiros —abertos a todas as persoas interesadas— nos que se ensinará a compoñer e interpretar estas coplas.

Os obradoiros serán impartidos polas regueifeiras Sara Marchena e Alba María, e o primeiro deles terá lugar este venres no bar O Pirata —na capital municipal—, a partir das 20.15 horas. Na actividade tomarán parte como convidadas outras dúas cantoras de regueifas, Nuria Penas e Lorena Medela. Segundo explican desde o Concello, ao longo de todo este ano haberá cada mes outros obradoiros de brindos en diferentes bares do municipio. «O que pretendemos é que chegue a formarse un grupo estable de brindeiros que poida actuar en actos organizados polo Concello e noutras ocasións especiais», sinalan os responsables municipais.

Un precedente no 2018

Sara Marchena e Alba María xa impartiron no 2018 uns obradoiros de improvisación de coplas para os alumnos do colexio público da Pobra do Brollón. «Parece un pouco contraditorio ensinar á xente a improvisar cantigas, pero hai unha serie de técnicas e trucos para aprender a facelo», explican. Os brindos da montaña lucense presentan certas diferenzas coas regueifas, que son máis propias doutras partes de Galicia, principalmente da provincia da Coruña. «Pero a estrutura é a mesma, porque tanto os brindos como as regueifas consisten en estrofas de catro versos, de oito sílabas cada un, e con rima nos versos pares», engaden. Os dous xéneros —din por outra parte as cantoras— diferéncianse sobre todo en que «nos brindos hai máis alusións á paisaxe local, mentres que nas regueifas ten máis peso a retranca».

Unha ampla mostra das coplas que improvisaban e cantaban os irmáns Veloso Valcárcel quedou recollida nun disco que se editou no 2011 —acompañado por un libro—, titulado Os últimos brindeiros de Forgas. Este disco foi elaborado con gravacións realizadas no 2009 por Xosé Lois Foxo, natural do municipio de Folgoso do Courel, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e investigador do folclore musical da montaña lucense.

Outro coñecido intérprete de brindos foi Antonio Río Montero —coñecido como Ribeira de Louzarela—, natural de Pedrafita do Cebreiro, que faleceu no 2020 con 94 anos de idade. Antonio Río participou en varias edicións do Filandón de Músicas do Courel, colaborou nun disco do gaiteiro Carlos Núñez e protagoniza un disco-libro O Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro, editado no 2019 polo centro de música popular A Central Folque.

Os brindos reciben o nome de loias nalgunhas partes da montaña lucense e os seus intérpretes son coñecidos como brindeiros, brindadores ou loiadores. Estas coplas improvisadas cantábanse sobre todo nas vodas.