O proxecto arqueolóxico do castro de Cereixa xa conta cunha banda sonora

Francisco Albo
FRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Os músicos que gravaron o cedé durante unha actuación ofrecida recentemente no lugar de Nogueiras. En primeiro termo, a portada do disco San Lourenzo, ven a nós, que acaba de poñerse á venda
Os músicos que gravaron o cedé durante unha actuación ofrecida recentemente no lugar de Nogueiras. En primeiro termo, a portada do disco San Lourenzo, ven a nós, que acaba de poñerse á venda CEDIDA

Editan un disco para axudar a financiar as escavacións da Pobra do Brollón

07 sep 2022 . Actualizado a las 11:27 h.

O proxecto arqueolóxico que se desenvolve desde hai anos no castro de San Lourenzo de Cereixa —na Pobra do Brollónconta desde agora cunha fonte de financiamento moi pouco común. Trátase do cedé San Lourenzo, vén a nós, gravado polos compoñentes dos grupos musicais Garabelo e Os Tres de San Lourenzo. O disco consta de sete temas que aluden de diferentes maneiras ao castro, á parroquia de Cereixa e ás tradicións do municipio. Todos os beneficios que proporcione a súa venda destinaranse a axudar a financiar as novas escavacións que se realicen no xacemento.

«Que nós saibamos, esta é a primeira vez en España que un proxecto musical se asocia directamente a un proxecto arqueolóxico», afirma o arqueólogo Xurxo Ayán, director técnico das escavacións. «Isto non sucedeu nin sequera no proxecto Atapuerca, que é líder indiscutible en todo o que se refire a promoción, comunicación e márketing científico», engade.

Música e pasado

A iniciativa, sinala Ayán por outra parte, está relacionada co «interese crecente que hai na comunidade arqueolóxica internacional por aprofundar na vertente sensorial e musical do pasado». Nos últimos anos —continúa— «tan habido investigacións sobre como podían soar as frautas paleolíticas feitas con ósos de animais, por exemplo». O arqueólogo apunta ademais que a música tamén está presente nas tradicións populares sobre os castros galegos. «Hai lendas que din que en tal ou tal castro se oían as gaitas que tocaban os mouros cando celebraban as súas festas», agrega.

A edición dos disco, di así mesmo Ayán, ten tamén o obxectivo de reforzar o carácter comunitario do proxecto arqueolóxico de Cereixa. «Todos os artistas que participan son xente da parroquia ou do concello, ou teñen unha forte relación con eles», explica. O cedé San Lourenzo, ven a nós foi editado cunha tiraxe de cincocentos exemplares e xa foi posto á venda en varios establecementos locais de hostalería. A obra será presentada tamén na próxima edición do «mercado circular» —mercado de produtos locais que organiza periodicamente o Concello da Pobra do Brollón na praza da rúa da Peza. Será a partir das once de mañá. Os músicos asinarán e venderán exemplares do cedé e tamén interpretarán algunha das pezas.

Un tema dedicado ao célebre esqueleto Atilano e un himno do antigo concello do século XIX

O título do disco San Lourenzo, ven a nós procede dunha copla popular que se cantaba en tempos na romaría do castro de Cereixa, que foi recuperada hai anos dentro do proxecto arqueolóxico promovido pola asociación veciñal da parroquia. O cedé contén varios temas que aluden directamente ao castro de San Lourenzo: O burato dos mouros —nome tradicional dunha parte do antigo asentamento—, Historia do castro e O castro de San Lourenzo. Outra das pezas, titulada O Atilano de Cereixa, refírese ao primeiro esqueleto completo que se desenterrou nas escavacións do cemiterio medieval descuberto no castro, bautizado polos investigadores co nome dun personaxe humorístico do antigo programa de TVG Supermartes. Outro dos temas incluído no disco, Himno de Cereixa —segundo explican os autores—, é unha homenaxe ao concello constitucional que existiu no territorio da parroquia durante o Trienio Liberal do século XIX. O cedé contén ademais as pezas A revolta guímara —alusiva á historia do municipio e Os derradeiros, inspirada na batalla de Repil, un enfrontamento armado ocorrido en 1949 no límite entre os municipios da Pobra do Brollón e Monforte. A portada do cedé foi deseñada pola artista Lisette Patiño, unha venezolana afincada en Cereixa.

Pablo Camarero, natural da parroquia de Cereixa, é un dos músicos que participan no disco San Lourenzo, ven a nós. No proxecto participan tamén Suso Vila O Corenta, Brais Olmo, Borja López e Xosé Maceda.

Pablo Camarero: «A iniciativa surxiu de forma natural e é algo totalmente local e caseiro»

Pablo Camarero, natural da parroquia de Cereixa, é un dos músicos que participan no disco San Lourenzo, ven a nós. No proxecto participan tamén Suso Vila O Corenta, Brais Olmo, Borja López e Xosé Maceda.

—Como surxiu a idea de editar este cedé?

—Surxiu dunha forma natural, é dicir, non foi un proxecto premeditado. Todos os músicos que participamos nesta iniciativa actuamos durante varios anos na romaría que se celebra no castro de Cereixa e fomos compoñendo ou arranxando diversos temas para esas ocasións. Chegou un momento en que contamos con sete temas e ocorreusenos que poderíamos reunir todos eses materiais nun disco. Pareceunos unha boa idea para contribuír a este proxecto de arqueoloxía comunitaria desde o noso eido, que é o da música, e para axudar a dar a coñecer o castro de Cereixa.

—En que medida son orixinais ou tradicionais estes temas?

—O único que é orixinal ao 100% é o que se titula O burato dos mouros. A letra é de Suso Vila e a música é miña. Digo orixinal con certa prevención, porque ao compoñer un tema ao mellor estás reproducindo sen querer algo que xa existía previamente e que che quedou na cabeza. Os demais son temas tradicionais arranxados por nós e complementados coas nosas letras.

—Como fixeron para editalo?

—O cedé non foi editado por ningunha empresa discográfica, senón por nós mesmos. As gravacións foron feitas en Cereixa e o proxecto é algo totalmente caseiro e local, excepto a impresión do disco, que lle encargamos a unha empresa do sector.