Despois do lume, da tristura ao desamparo

Rosana Prieto RESPONSABLE COMARCAL DO BNG

A POBRA DO BROLLÓN

Terrenos afectados por el último incendio entre Ribas de Sil y Quiroga
Terrenos afectados por el último incendio entre Ribas de Sil y Quiroga ALBERTO LÓPEZ

10 sep 2021 . Actualizado a las 18:07 h.

O pasado luns saltaban as alarmas por un lume inmenso que afectou aos concellos lugueses de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón. A crónica postreira deixa as alarmas institucionais, as fotos na zona unha vez controlado o incendio e a desolación. Porque, máis alá de lle berrar ao contrincante político, que é o que lle ofrecen os gobernos ás persoas que habitan o territorio queimado? Cal é a axuda, o asesoramento ou mesmo a cobertura psicolóxica que se lle dá? Ese é o desamparo máis absoluto, despois virá o esquecemento se non se remedia, e máis unha vez Galiza terá que ser salvada polo pobo que a habita, cada día de maior idade e menos numeroso.

O martes visitei a zona, aínda co incendio sen controlar, e subscribín o berro que encomendada á chuvia o que os medios para extinguilo, en si moi numerosos, non deron feito pola velocidade do vento e a magnitude do mesmo. Isto ten que facernos pensar. Que no século XXI, o das as tecnoloxías, non se dea controlado un incendio e nos encomendemos á chuvia di moito. Pero que as lapas salten a aldea das Laceiras rodeada de árbores autóctonas e frondosas, así como o fondo do val fluvial do Lor, ten que levarnos a dicir basta! Basta de árbores pirófitas, basta de comprar votos con cartos rápidos, basta de complacencia poñendo en risco a vida das persoas e o seu sustento que é ese territorio.

Non podemos priorizar a obtención de cartos á vida, urxe un ordenamento do territorio que sexa sustentable e teña en conta ás persoas que o habitan, non se pode consentir unha explotación do monte que poña en perigo vidas. Cómpre pedagoxía, pero sobre todo sentido común. Basta dun modelo forestal depredador da xente e da terra, debemos dar o debate e quitar dos nosos montes as especies pirófitas, hai que ser valentes para non ser reféns de políticas forestais que enchen de gasoil a nosa terra.