Piden a categoría de árbore senlleira para un carballo da Pobra do Brollón pola súa relación coa mitoloxía popular

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

Unha imaxe invernal do Carballo da Chá, que se encontra nun lugar onde unha lenda local afirma que foi enterrado un ser mitolóxico coñecido como o aláparo
Unha imaxe invernal do Carballo da Chá, que se encontra nun lugar onde unha lenda local afirma que foi enterrado un ser mitolóxico coñecido como o aláparo CEDIDA

A tradición conta que na paraxe onde se encontra, na parroquia de Vilachá de Salvadur, foi enterrado un ser monstruoso que raptaba mulleres e nenas

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación de veciños da parroquia de Vilachá de Salvadur -no municipio da Pobra do Brollón- solicitou á Consellería de Medio Ambiente a inclusión dun vello carballo da localidade no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia pola súa estreita relación coas tradicións locais. A árbore, coñecida como Carballo da Chá, está situado xunto a un camiño que leva ao miradoiro da Capela e que a asociación, por outro lado, propuxo hai tempo que sexa integrado no Camiño de Inverno.

Segundo explican desde o colectivo veciñal, a solicitude presentada a Medio Ambiente -que foi recollida no Diario Oficial de Galicia do pasado venres- non se debe á espectacularidade nin á lonxevidade da árbore. «É un carballo vello, pero debe ter arredor de douscentos anos e na comarca hai outros moito máis antigos», sinalan. A árbore tampouco destaca particularmente pola súa altura ou polo tamaño da súa copa. O seu valor consiste en que o Carballo de Chá está nun lugar onde -segundo unha lenda local- foi enterrado un personaxe mitolóxico coñecido como o aláparo, un ser de tamaño monstruoso, cun só pé e un só ollo, que raptaba ás mulleres e ás nenas de Vilachá. O aláparo, de acordo con esta tradición oral, vivía na ribeira do Sil, na zona onde se encontra o miradoiro da capela.

Morte e enterramento

A lenda -sinalan así mesmo desde a asociación de veciños- conta que os veciños de Vilachá decidiron un día unirse para acabar cos crimes do aláparo. «A tradición conta que o foron buscar, que o mataron entre todos e que o enterraron no sitio onde está o Carballo da Chá», explican. A árbore, din por outra parte, «creou o seu propio topónimo, porque o lugar é moi coñecido entre na parroquia, serve como punto de referencia e para dar con el non hai máis que preguntar a calquera veciño, porque todos saben onde está».

Os promotores da iniciativa confían en que a Consellería de Medio Ambiente acceda a incluír o Carballo da Chá no Catálogo de Árbores Senlleiras. «As normas de elaboración deste inventario din que tamén poden ser catalogadas as árbores que teñan unha vinculación importante coa cultura popular e as tradicións locais, non só as que destacan pola súa grandiosidade ou pola súa idade», apunta a este respecto. «Nese sentido, o Carballo da Chá é todo un referente para a parroquia de Vilachá», conclúen.