«A monarquía absoluta quixo acabar coa memoria do concello de Cereixa»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

García rastreou a historia de Cereixa en diferentes arquivos históricos
García rastreou a historia de Cereixa en diferentes arquivos históricos CEDIDA

Jorge García investigou a historia do antigo municipio, que existiu entre 1821 e 1823, durante o chamado Trienio Liberal

21 jul 2021 . Actualizado a las 19:31 h.

O historiador Jorge García García participará este sábado nos actos do bicentenario do antigo concello de Cereixa -na Pobra do Brollón- cunha conferencia sobre a historia deste municipio, que existiu unicamente durante o chamado Trienio Liberal, entre 1821 e 1823. García realizou unha investigación por encargo dos promotores do bicentenario. O acto celebrarase ás 16.00 horas no campo da festa do lugar dos Carballos.

-Resulta difícil reconstruír a historia do antigo municipio de Cereixa?

-É complicado, porque queda moi pouca documentación histórica sobre ese período. Durante o Trienio Liberal, o rei Fernando VII viuse obrigado a acatar a Constitución de 1812 e foi nesa etapa cando se crearon moitos novos concellos, entre eles o de Cereixa. Ao terminar ese período, o rei recuperou o poder absoluto e comezou o que se coñece como a Década Ominosa. Os concellos creados na etapa liberal non só foron suprimidos senón que ademais foi destruída a maior parte da documentación que xeraron mentres existiron. A monarquía absoluta quixo acabar coa memoria do concello de Cereixa e de todos os outros concellos liberais.

-Como se pode investigar entón ese período histórico?

-Hai que facer unha especie de pesquisa policial, buscando calquera rastro que poida haber nos arquivos históricos. No Concello da Pobra do Brollón non se conserva ningún documento relativo ao antigo municipio de Cereixa, pero puiden encontrar algunhas referencias nos arquivos do Concello de Monforte, que era a cabeza do partido xudicial. Tamén busquei no arquivo diocesano de Lugo. Por outro lado, nos arquivos históricos estatais hai documentos sobre os recrutamentos anuais que se facían para o exército en todos os municipios e nos desa época figura o de Cereixa.

-Cales son os datos máis relevantes que descubriu na súa investigación?

-Os máis salientables son os documentos que mencionan ao primeiro alcalde -e seguramente o único- que tivo o Concello de Cereixa no seu curto período de existencia. O alcalde chamábase Juan Rodríguez e naceu o 25 de setembro de 1785 no lugar de Guntín. Nos libros de bautizados non só figura o seu nome, senón tamén os dos seus pais e os de todos os seus avós. Sabemos tamén que o 4 de xaneiro de 1810 Juan Rodríguez casou cunha muller chamada Manuela de Soto, que segundo os documentos da época era filla lexítima de José Guitián e Cecilia de Soto. Os sogros do alcalde de Cereixa aparecen mencionados nos documentos como «don» e «dona», un tratamento que nesa época só se daba ás persoas de clase acomodada.

-Sábese cantos veciños tiña o municipio de Cereixa?

-Non cheguei a investigar esa cuestión, pero é algo que se pode descubrir grazas aos rexistros das igrexas parroquiais. En moitos casos eses documentos perdéronse, pero os das parroquias da Pobra do Brollón consérvanse no arquivo diocesano de Lugo. Examinando esa documentación, algo que aínda está por facer, pódese chegar a saber cantos veciños tiña nesa época a parroquia de Cereixa, que serán os mesmos que tiña o municipio. Seguramente era unha poboación numerosa, porque todas as parroquias rurais galegas estaban moi poboadas no século XIX. De feito, había un exceso de poboación, o que deu lugar aos movementos migratorios a outras partes da Península e ás Américas.

-Hai outros aspectos da historia deste concello que tamén se poidan reconstruír?

-Falta tamén por saber como era o armorial, ou sexa, o selo oficial do concello. Non encontrei ningún documento que conteña ese selo, pero iso non significa que non existan. É posible que o selo figure en antigos documentos desa época conservados en coleccións particulares, como poden ser títulos de propiedade ou de compra.

-Cantos municipios houbo na comarca de Lemos durante o Trienio Liberal?

-Nos documentos desa época relativos ao partido xudicial de Monforte figuran trece concellos. No actual territorio da Pobra da Brollón, aparte da propia Pobra do Brollón e Cereixa, existiu tamén o concello de Fornelas. Xunto ao municipio de Monforte houbo outros dous concellos denominados «Coto Viejo» e «Coto Nuevo». Os demais municipios do partido xudicial eran os de Moreda, O Saviñao, Diomondi, Vilasante, Eiré, Sober e Doade. Hai que ter en contra que durante ese período histórico en Galicia houbo un total de 634 concellos, o que é una cifra brutal, máis do dobre dos que existen na actualidade.