A Pobra do Brollón acolle esta fin de semana o segundo Festival Científico de Galicia

A POBRA DO BROLLÓN

Unha visita guiada (en imaxe de arquivo) ás excavacións arqueolóxicas do castro de Cereixa, onde se desenvolverán algunhas das actividades previstas
Unha visita guiada (en imaxe de arquivo) ás excavacións arqueolóxicas do castro de Cereixa, onde se desenvolverán algunhas das actividades previstas

Numerosos investigadores e divulgadores ofrecerán charlas e outras actividades durante o sábado e o domingo

14 jul 2021 . Actualizado a las 15:55 h.

O municipio da Pobra do Brollón acollerá esta fin de semana a segunda edición do Festival Científico de Galicia, promovido pola Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. A iniciativa conta co apoio do Concello, da asociación veciñal da parroquia de Cereixa e do Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa.

Durante o sábado e o domingo haberá na capital do municipio e nas parroquia de Cereixa e Vilachá unha serie de conferencias e actividades de divulgación a cargo dos coñecidos neurocientíficos Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, da investigadora e divulgadora Luisa Martínez Lorenzo e do físico Dosi Veiga, entre outros. As xornadas inscríbense por outro lado nos actos conmemorativos do bicentenario do antigo municipio de Cereixa.

A continuación detállanse as actividades que se ofrecerán durante a fin de semana.

Sábado de 10.30 a 13.30 horas. As actividades previstas pola mañá desenvolveranse na praza da Condesa, no casco vello da Pobra do Brollón. Os actos serán presentados polo alcalde José Luis Maceda. En primeiro lugar, Casto Rivadulla falará sobre «A que cheiran as cores?». A continuación, Luisa Martínez presentará o seu libro Puf! vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes. Seguidamente, Xurxo Mariño dará unha charla titulada «Reflexión sobre a linguaxe humana». As seguintes intervencións correrán a cargo do arqueólogo Xurxo Ayán —que presentará o seu libro Onde as rúas non teñen nome— e do biólogo José Arcas, quen ofrecerá unha conferencia baixo o lema «Viches iso? Un singular percorrido pola vida das aves invisibles».