Concertos na Terceira Fase, música para a desescalada na Pobra do Brollón

A POBRA DO BROLLÓN

O músico Alexandre González ofrecerá o primeiro concerto do ciclo
O músico Alexandre González ofrecerá o primeiro concerto do ciclo CEDIDA

O Concello organiza unha serie de actuacións en varios locais de hostalería do municipio

09 jun 2020 . Actualizado a las 15:24 h.

O Concello da Pobra do Brollón iniciará esta fin de semana un ciclo de actuacións musicais que se levará a cabo en diferentes locais de hostalería do municipio baixo o lema Concertos na Terceira Fase. Con esta iniciativa, segundo os responsables municipais, preténdese «apoiar dous sectores moi danados pola crise sanitaria: a hostalería e o sector cultural». Os concertos ofreceranse todos os domingos ata o 19 de xullo en horario de vermú, a partir das 13.00 horas. A entrada é gratuíta, pero é preciso realizar reservas previas mediante chamadas telefónicas. Os asistentes deberán respectar as medidas establecidas de distanciamento social e de seguridade sanitaria. Cada un dos locais onde se ofrecerán os concertos, por outro lado, terá unha proposta para xantar para quen se anime a quedarse despois do concerto. Os organizadores recomendan que as reservas se fagan por grupos para facilitar a colocación das mesas.

Todos os músicos que participarán nestes concertos son naturais do municipio ou teñen algunha vinculación con el. O ciclo comezará cunha actuación de Alexandro González, que tamén abriu a serie de concertos por Internet «Cos pés na casa», organizados polo Concello durante a fase máis estrita do confinanento. O concerto ofrecerase no restaurante O Fogón, na parroquia de Cereixa. Para asistir hai que facer reserva previa chamando ao teléfono 982 430 015.

As demais actuacións musicais deste ciclo ofreceranse de acordo co seguinte calendario:

21 de xuño. O grupo Samparasón actuará na cafetería A Salanova, na parroquia de Salcedo.

28 de xuño. A formación As Searas ofrecerá un concerto no local A Vella Taberna, na capital do municipio

5 de xullo. Para esta data está programada unha actuación do grupo Garabelo no bar O Pirata, tamén na capital municipal.

19 de xullo. O ciclo pecharase cun concerto de Xerezade no bar e restaurante Primero de Mayo, na mesma localidade.