Hoxe comeza a emisión de «Adegas da Memoria», un documental sobre o patrimonio de Vilachá de Salvadur

A POBRA DO BROLLÓN

CEDIDA

A serie divulgará as investigacións que se realicen dentro do proxecto arqueolóxico e etnográfico que promoven a asociación veciñal da parroquia e o Concello

04 abr 2019 . Actualizado a las 11:59 h.

O primeiro episodio da serie documental Adegas da Memoria, dedicada ao patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural da parroquia de Vilachá de Salvadur, será emitido ás oito da tarde de hoxe por Internet e tamén será proxectado publicamente a esa mesma hora na Casa de Cultura da Pobra do Brollón. O vídeo estará dispoñible nas redes sociais do proxecto Adegas da Memoria, impulsado polo Concello e a asociación veciñal de Vilachá coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

A serie estará dividida en catro temporadas. A primeira, denominada A humanidade do patrimonio, recolle entrevistas con veciños de Vilachá que ?segundo explican os responsables, abordarán asuntos como «as viñas, as adegas, as lendas, a vida na ribeira ou a represión franquista», entre outros. O primeiro episodio desta primeira temporada estará dedicado ao mundo do viño e os viticultores.

A serie poderá verse na páxina web do proxecto, e nas súas contas en Vimeo e Facebook. Cada xoves está previsto emitir un novo episodio. As seguintes temporadas da serie reflectirán as investigacións arqueolóxicas que está previsto realizar durante os próximos meses en Vilachá dentro do proxecto Adegas da Memoria. Estes traballos comprenderán escavacións nun lugar coñecido como Os Conventos, á beira do Sil, onde existe un conxunto de antigas construcións de orixe probablemente medieval. Tamén está previsto un estudo sobre as orixes históricas das terrazas vitícolas características da Ribeira Sacra e outro sobre o singular conxunto de adegas históricas de Vilachá.