Así era a capela de San Lourenzo

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CEDIDA

Os arqueólogos reconstrúen o aspecto do desaparecido templo de orixe medieval de Cereixa

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón, comezou o pasado luns unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas que se centra nos restos da capela e do cemiterio de orixe medieval que foron descubertos en anteriores actuacións dentro do recinto do antigo asentamento castrexo-romano. Un dos obxectivos da nova fase do proxecto, segundo explican os seus responsables, consiste en obter os datos necesarios para acometer unha reconstrución virtual da ermida nas diferentes épocas da súa historia.

Por agora, baseándose nas investigacións realizadas en anteriores campañas, os arqueólogos realizaron unha reconstrución hipótetica do aspecto que puido ter o edificio na súa última época -a finais do século XIX-, antes de quedar abandonado e caer na ruína. A ermida, polo que se sabe, foi construída probablemente na alta Idade Media e experimentou unha importante reforma en torno ao século XVII. Nesta campaña espérase conseguir a información que permita saber como era a súa estruturas neses períodos máis antigos.

Imaxes didácticas

O obxectivo -segundo indica o proxecto redactado polo arqueólogo Xurxo Ayán, director da actuación-, «é obter unha serie de imaxes didácticas e representativas que permita explicar este ben patrimonial» e que poida ser empregada en paneis explicativos, folletos e modelos dixitais en tres dimensións.

As novas escavacións, por outro lado, estenderanse pola totalidade dos terreos do cemiterio situado no entorno da ermida, onde nas campañas precedentes se descubriu máis dunha vintena de sepulturas. Entre elas destaca a denominada tumba 17, onde puideron recuperarse os restos dun individuo que os investigadores bautizaron provisionalmente como Atilano -aínda que poden pertencer a unha muller- e que están sendo estudados na actualidade polo bioarqueólogo Patxi Pérez Ramallo.

Os responsables do proxecto arqueolóxico pensan que existe a posibilidade de descubrir máis sepulturas no antigo camposanto e incluso de «atopar máis individuos completos nas tumbas». Ao seu xuízo, «isto permitiría ampliar a mostra para o estudo levado a cabo polos nosos antropólogos forenses».

Unha vez escavada a totalidade dos terreos do cemiterio medieval, preténdese acondicionar a área para mostrala ao público e utilizala nas cerimonias relixiosas da romaría do castro de San Lourenzo, unha tradición local perdida que se recuperou recentemente no marco deste proxecto arqueolóxico. A partir de aí, as investigacións pasarían a centrarse nos restos construtivos e defensivos do castro, pertencentes a unha época moi anterior á da ermida e o camposanto.

Segredos dun antigo cemiterio esquecido

O director das escavacións sinala que os materiais encontrados nas campañas arqueolóxicas anteriores nalgunhas tumbas da necrópole medieval de San Lourenzo poden estar asociados a «rituais de fonda raigame que tiñan lugar no intre da inhumación». En certas sepulturas apareceron abundantes carbóns, un feito que en opinión do arqueólogo podería vincularse aos «lumes rituais e mesmo cinzas do fogar» que -de acordo con diferentes fontes escritas- eran depositadas xunto cos mortos nas sepulturas na alta Idade Media.

Xurxo Ayán sinala por outro lado que nunha das tumbas da necrópole -clasificada co número 1- apareceu unha doa de colar na escavacións do verán pasado e sinala a este respecto que en diversas sepulturas desa época do norte da Península «adoitan aparecer materiais e obxectos paganizantes, como dentes de animais, doas de colar, sílex e moedas en tumbas vascas e coios e anacos de acibeche en tumbas asturianas».

Ritualidade da morte

Por outra parte, Ayán apunta que na actualidade se está a estudar unha peza metálica encontrada no seu momento na man dereita do esqueleto denominado Atilano e que ao seu parecer tamén «pode fornecer datos sobre esta ritualidade da morte en época altomedieval».

Así mesmo, Ayán sinala que de acordo coas investigacións realizadas ata agora, a necrópole de Cereixa «sería un deses camposantos das igrexas rurais que semellan xurdir nos intres máis tardíos» da alta Idade Media, a partir dos séculos IX e XI. O arqueólogo cre que neste aspecto pode compararse con outras necrópoles achadas en San Vítor de Barxacova -Parada de Sil-, Santa Eufemia de Manín -Lobios- e San Román das Encrobas -Cerceda-, que «semellan todas fundacións ligadas ao contexto de reorganización territorial e política dende o século IX que acompaña á ‘repoboación’ de Galicia nos marcos sociopolíticos do reino asturleonés».