Unha singular despedida do ano no alto de Catro Cabaleiros

Alcaldes e veciños de varios municipios reuniranse para brindar polo 2018 no monte do Castro


A Pena dos Catro Cabaleiros, situada no punto xeográfico onde se unen os territorios municipais de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Samos e O Incio, será escenario dunha singular despedida do ano. Ás doce do mediodía do domingo celebrarase neste lugar un encontro entre as alcaldesas e os alcaldes dos referidos municipios para brindar polo novo ano e comer as doce uvas ao son de doce badaladas.

A idea de organizar este encontro partiu da asociación cultural Fonte do Milagro, radicada en Froxán do Courel. Evaristo Méndez, presidente deste colectivo, recorda que hai anos se organizou unha romaría que congregou a veciños dos catro municipios e aos seus respectivos alcaldes, que celebraron un acto simbólico de irmanamento en torno a unha mesa de de pedra construída pouco antes nese lugar. A primeira vez que se organizou este festexo foi en setembro do 2000. Ao ano seguinte repetiuse o encontro, pero a idea de convertelo nunha tradición non chegou a callar e a romaría non volveu celebrarse.

O festexo do día 31 estará aberto a todas as persoas que desexen asistir. A asociación Fonte do Milagro servirá uns pinchos, pero recomenda aos participantes que leven as súas propias uvas. «Se vén moita xente, pode que as que levemos nós non sexan suficientes», avisa Evaristo Méndez. Se as condicións meteorolóxicas fosen moi adversas, o acto podería ser suspendido. Convén ter en conta que a este lugar, na cima do monte do Castro, só se pode chegar en todoterreo.

O día anterior, o municipio de Folgoso do Courel será escenario dunha nova celebración á que tamén se lle pretende dar continuidade nos próximos anos. Será a chegada do Apalpador, que ás cinco da tarde baixará desde o bosque da Devesa da Rogueira ata a localidade de Moreda.

Na imaxe sobre estas liñas, brinde en Catro Cabaleiros en xuño do 2001 entre os entón alcaldes de Samos, O Courel, A Pobra e O Incio. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha singular despedida do ano no alto de Catro Cabaleiros