A Deputación achegou á Pobra do Brollón 890.000 euros para servizos públicos, como a residencia

La Voz

A POBRA DO BROLLÓN

Este ano destinaranse 300.000 euros á construción dun centro de maiores no municipio, no que se poderán ofrecer unhas 30 prazas

21 dic 2017 . Actualizado a las 11:38 h.

O Goberno Provincial achegou 890.000 euros aos 1.700 veciños de A Pobra do Brollón nun ano en impulso do conxunto das súas prestacións públicas. Foron uns 320.000 euros do orzamento de 2016 e outros 566.000 deste ano, os que que o Executivo Provincial decidiu destinar para dito fin, na Pobra do Brollón.

Ao respecto dos 566.000 euros do presuposto de 2017, o Goberno da Deputación achega 300.000 euros á construción dunha residencia no municipio, coa que buscan aumentar a prestación de servizos sociais na Pobra do Brollón. A día de hoxe, neste Concello xa se atenden a 38 maiores, co Servizo a Domicilio a persoas non dependentes e coa Teleasistencia gratuíta, porque a Xunta de Galicia non o fai. Este ano, poderase duplicar o número de usuarios na Pobra do Brollón destas prestacións porque incrementouse o orzamento para poder facelo. A maiores, coa residencia, poderase atender a outros 30 lucenses máis deste municipio ou dos limítrofes, reforzando aínda máis a atención profesional que necesitan os nosos maiores, sobre todo os do rural, que non contan con prestacións públicas desta índole nas súas localidades e teñen que marchar delas. Mantendo o mesmo investimento para o Servizo a Domicilio a non dependentes e para a Teleasistencia gratuíta, e unha vez feita a residencia, dende o Goberno Provincial poderán ofrecer atención profesional na Pobra do Brollón a máis de 100 maiores.

Xunto aos 300.000 euros para a residencia, o Executivo Provincial achega outros 266.000 euros do orzamento deste ano á atención profesional dun mínimo de 76 maiores do municipio, multiplicando por dous o seu número con respecto á actualidade; xerar polo menos outros 7 novos postos de traballo, asumindo os custos laborais destes profesionais; mellorar infraestruturas e prestacións públicas, como os accesos viarios de Abelaira a Transmonte, a Lama de Lor, Tudriz, de Veiga a Picas, Veiga, Eirexa e Aldea de Riba, así como a área recreativa de Samugueiros, que dotará dun aseo público e dun quiosco; ademais de dinamizar social e economicamente o Concello, impulsando actividades turísticas e culturais, como o IV Festival de música tradicional As cores de Outono, a XXV Feira do viño de Vilachá, a IV Feira Medieval de Guimara ou o VII Concurso de Cantos de Taberna, entre outras actuacións previstas.

17 empregos nun ano

O Goberno Provincial xerou nun ano 10 novos postos de traballo no Concello da Pobra do Brollón a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, pois asume, a día de hoxe e con 100.000 euros, os custos laborais destes profesionais, que traballan en empresas do municipio e no propio Consistorio, reforzando os servizos públicos municipais. Este ano, o Executivo da Deputación xerará, polo menos, outros 7 empregos no municipio, financiando nun ano, polo tanto, 17 novos postos de traballo neste Concello.

Dinamización cultural, turística e deportiva

O Executivo Provincial achegou á Pobra co presuposto do pasado ano outros 50.000 euros á celebración de actividades culturais e deportivas, ademais de eventos turísticos. Por exemplo, financiou a campaña Conciénzate co Deporte, coa que se impartiron clases de ximnasia gratuítas en centros sociais da vila, dirixidas aos maiores do Concello da Pobra do Brollón. Tamén colaborou coa Festa do Oso de Salcedo que se celebra no municipio, entre outras citas.